OurenseÚltima hora

Inaugúrase no CHUO a mostra A frase que me libera”, creada por persoas privadas de liberdade do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar

 

O vestíbulo principal do Edificio Cristal do Hospital Universitario de Ourense acolle desde esta mañá a exposición “A frase que me libera. Un camiño de expresión, identidade e liberdade a través da palabra e da arte”, unha mostra colectiva realizada por persoas privadas de liberdade do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar no marco dun proxecto educativo da EPAPU (Educación Permanente de Adultos) do centro penitenciario.

A exposición organizada polo Servizo de Atencion al paciente de Humanización e o Servizo de Psiquiatría do hospital universitario de Ourense reúne unha serie de obras elaboradas a partir dunha proposta creativa sinxela e profundamente persoal: cada participante parte dunha frase propia, nacida da reflexión sobre a súa experiencia vital, as súas emocións ou as súas aspiracións. Esas palabras convértense posteriormente en creacións plásticas mediante a técnica do marmoreado, un proceso artístico no que as cores se expanden sobre a auga e xeran composicións únicas e irrepetibles.

A mostra constitúe un percorrido por emocións como o medo, a tristeza, a ira, a alegría ou a esperanza, entendidas non como estados fixos, senón como experiencias en constante transformación. A través da arte, os autores atopan un espazo de expresión e de comunicación que lles permite explorar a súa identidade e compartir co público unha parte do seu mundo interior.

A directora da EPAPU de Ourense, Ana de la Torre, destacou durante a inauguración que “este proxecto nace coa vontade de ofrecer á palabra e á creación artística un papel protagonista nos procesos de crecemento persoal. Cada obra representa unha oportunidade para expresarse, reflexionar e descubrir novas formas de relación cun mesmo e coa contorna”.

De la Torre subliñou tamén que “‘A frase que me libera’ amosa que a educación e a cultura poden abrir espazos de liberdade simbólica mesmo en contextos marcados pola privación de liberdade. As obras que aquí se presentan falan de emocións, de dignidade e da capacidade das persoas para construír novos significados a través da creación”.

A iniciativa enmárcase nun proxecto educativo que emprega a arte restaurativa como ferramenta para fomentar a expresión emocional, a reflexión persoal e a conexión coa comunidade. A exposición permite ademais achegar ao público unha realidade frecuentemente invisible, convertendo a creación artística nunha ponte entre o interior do centro penitenciario e a sociedade.

A mostra permanecerá aberta ao público no vestíbulo principal do Edificio Cristal do Hospital Universitario de Ourense durante as próximas semanas.

 

Back to top button