En portadaÚltima horaVídeos

Inaugúrase o novo punto de información ao peregrino do Camiño de Inverno, na antiga capela de Santo André, en Fontei (A Rúa)

 

A Rúa conta xa cun novo punto de información ao peregrino. En Fontei, en pleno Camiño de Inverno, está a antiga capela de Santo André, unha edificación con séculos de historia que foi espazo de fe e tras ser cedida polos seus propietarios (Ángel Fernández da Adega Quinta da Peza) á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e restaurada pola Axencia de Turismo de Galicia é dende hoxe a nova sede da asociación e “lugar de acollida para todo aquel que pasa polo noso pobo camiñando cara Santiago”, en palabras da presidenta da Asociación de Veciños de Fontei, Elvira Rodríguez.

 

 

A inauguración deste novo local ubicado na praza de O Santo, tiña lugar na mañá deste venres 9 de xaneiro, nun acto sinxelo pero formal ao que acudían o director de Turismo de Galicia, o rués Xosé M. Merelles, varios alcaldes da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, como o de Quiroga ou Ferreira de Pantón, representantes de colectivos culturais e turísticos da comarca, membros da corporación municipal da Rúa coa alcaldesa María Abert á cabeza, veciños da Rúa e amigos do Camiño de Inverno, entre outros.

 

 

O acto comezaba coa bendición do espazo por parte do párroco, Daniel Pérez, destacando que o Camiño de Santiago sempre foi moito máis que unha ruta, “é encontro, descanso, silencio e esperanza”, pedindo a bendición para o edificio, pero tamén para “os peregrinos que por aquí pasen e para todas as persoas que o coidan e fan posible”.

 

 

Hoxe é un día feliz “non só para A Rúa senón para todos os concellos que circunda o Camiño de Santiago”, dixo a alcaldesa, María G. Albert, asegurando que se trata dunha restauración que unida á do Albergue de Peregrinos son actuacións “que suman para que este Camiño teña cada vez maior presenza e estea mellor dotado para todas aquelas persoas que deciden facer a ruta de Santiago pola nosa comarca”, dixo reiterando as grazas ao director da Axencia de Turismo de Galicia e a todos os que fixeron posible este fito.

 

 

Grazas daba tamén a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias que despois lia un poema. En primeiro lugar á familia de Fontei, da Adega Quinta da Peza, que cedeu o edificio “grazas á súa xenerosidade e solidariedade podemos estar hoxe aquí e recuperar algo tan importante para este lugar”. Tamén daba as grazas a “todas as persoas que fixeron posible isto, especialmente aos construtores que fixeron un traballo loable nun tempo récord, poñéndolle cariño, amor e adicación”. Non se esquecía do Concello “e o labor que está a facer en relación ao Camiño, polo que pasaredes á historia”, así como de todos aqueles que loitaron polo recoñecemento do Camiño de Inverno, especialmente Ramón García que hoxe non podía estar.

 

 

No seu turno, Xosé Manuel Merelles pechaba o acto explicando que esta actuación conta cun investimento de 59.345,66 euros, destinada a reforzar os servizos para as persoas que realizan o Camiño de Inverno. “Estas novas instalacións están chamadas a ser un punto de referencia de promoción desta ruta”, dixo, asegurando que para el como rués “é unha grande honra poder estar hoxe aquí poñendo en marcha un novo servizo de atención ao peregrino”, dixo, explicando que para a creación desta oficina reformouse o antigo edificio, mantendo elementos construtivos esenciais da construción e dotándoa das instalacións imprescindibles para a súa finalidade”, quedando pendente dotala de mobiliario.

 

 

“Esta intervención pon o foco na mellora da experiencia da peregrinación neste itinerario, nunha acción que apuntala a liña estratéxica de Turismo de Galicia para a diversificación dos distintos itinerarios xacobeos”, dixo Merelles, explicando que ata novembro de 2025, “25.727 persoas realizaran un total de 51.477 pernoctacións na provincia de Ourense -un 3,7% máis de noites que no mesmo período de 2024-. “Destaca o incremento do mercado internacional, que sumou un 11,1% máis respecto ao ano anterior, con 3.696 visitantes -un 14,4% do total”, dixo explicando que nos 11 primeiros meses de 2025, “314.911 persoas realizaran 612.135 noites na provincia, das que un 16,1% foron visitantes de fóra de España, un 5,9% máis que en 2024”.

O acto remataba cun viño por xentileza da Adega Quinta da Peza e bica.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Back to top button