
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras iniciaba neste martes a segunda fase da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19, coa incorporación de novos grupos de poboación como profesionais dos centros sanitarios públicos e privados, pacientes con inmunosupresión e persoas inmobilizadas, ademáis da vacinación infantil.
En concreto entre os novos grupos -que se suman a dos residentes en centros socio sanitarios e os traballadores destes centros- figuran 4.191 pacientes en situación de inmunosupresión, 3.195 persoas inmobilizadas nos seus domicilios e o ao redor de 7000 profesionais de todos os centros sanitarios públicos e privados da provincia, independentemente da súa categoría profesional ou das funcións que desempeñen.
Esta segunda fase amplía a protección fronte ás infeccións respiratorias a colectivos con maior risco de complicacións, así como aos profesionais que desenvolven a súa actividade no ámbito sanitario, co obxectivo de reducir tanto o risco individual de enfermidade como a súa transmisión ás persoas máis vulnerables.
Vacinación de pacientes inmunodeprimidos
Un dos colectivos prioritarios desta fase está formado por 4.191 pacientes en situación de inmunosupresión, é dicir, persoas que presentan unha diminución das defensas do organismo como consecuencia de determinadas enfermidades ou dos tratamentos que reciben.
Neste grupo inclúense pacientes con cancro en tratatamento, persoas transplantadas, con determinadas inmunodeficiencias, infección por VIH ou que reciben tratamentos inmunosupresores, entre outros supostos recollidos nesta campaña.
A vacinación deste colectivo realizarase nos tres hospitais da área sanitaria: o Hospital Universitario de Ourense, o Hospital Público de Verín e o Hospital Público de Valdeorras ou directamente no seu centro de saúde.

Máis de 3.000 persoas recibirán a vacina nos seus domicilios
Paralelamente, os equipos de atención primaria iniciaron hoxe a vacinación a domicilio das persoas inmobilizadas, que polas súas condicións de saúde teñen dificultades para desprazarse aos centros sanitarios.
Por servizos de atención primaria, a distribución é a seguinte: A Carballeira, 166 pacientes; Celanova, 197; Bande, 101; Verín, 249; Viana do Bolo, 29; Valle Inclán, 250; Ribadavia, 223; Maceda, 90; O Carballiño, 341; Coles, 210; A Ponte, 223; Mariñamansa, 292; Nóvoa Santos, 261; Allariz, 53; Castro Caldelas, 34; O Barco de Valdeorras, 183; Xinzo de Limia, 238; e A Pobra de Trives, 55.
A vacinación do persoal sanitario constitúe unha medida de prevención individual e colectiva, especialmente relevante nos centros asistenciais, onde se atende a persoas con maior risco de desenvolver complicacións derivadas destas infeccións.
