CulturaCulturaÚltima hora

Intervención arqueolóxica en tres xacementos distintos de Casaio (Carballeda de Valdeorras)

Desenvolverase do 22 de xuño ao 10 de xullo na aldea de Penedo Xudío, na ermida antiga do San Xil e na mina de volframio de Valborraz

Foto: Sputnik Labrego.

 

O vindeiro 22 de xuño comezarán unhas escavacións arqueolóxicas en Casaio (Carballeda de Valdeorras) que se prolongarán ata o 10 de xullo. Esta intervención está enfocada en tres xacementos distintos “a aldea de Penedo Xudío, a ermida antiga do San Xil e a mina de volframio de Valborraz”, segundo indica Sputnik Labrego, quen se encargará da mesma.

“Dende que temos comezados os traballos en Casaio en 2017, hai case unha década, non temos deixado de descubrir novos xacementos e obter novos datos sobre o asombroso pasado do lugar”, di Carlos Tejerizo, coordinador da Asociación Científica Sputnik Labrego e director das intervencións. “Este ano queríamos enfocarnos en tres dos xacementos máis relevantes que existen en Casaio e que nos dan unha visión dos últimos 1.500 anos no territorio. Particularmente interesante é o sitio de Penedo Xudío, que estamos comezando a coñecer e que podería corresponder a unha ceca de época visigoda”, afirma.

Asemade, durante estas escavacións contarase coa presencia dunha ducia de estudantes de catro universidades distintas (Universidade do Minho, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Salamanca e Universidade de Valladolid), que realizarán as súas prácticas de formación. “Grazas a distintos convenios conseguimos que o alumnado de diferentes rexións e países coñeza de primeira man a historia e o patrimonio de Galicia e de Valdeorras”, di Celtia Rodríguez, codirectora das intervencións. “Un modelo que xa temos consolidado no xacemento do Castelo, en Vilamartín de Valdeorras e que agora estendemos a outras contornas”, conclúe”.

Esta intervención conta co financiación e apoio da Universidade de Salamanca e da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira. Estes sitios poderán ser visitados en horario de 10:00 a 13:00 horas durante o período de escavacións. Ademais, os visitantes poderán ver os materiais arqueolóxicos localizados, nas antigas Escolas de Casaio, en horario de 17:00 a 18:30h.

 

Back to top button