
Coma cada mes de agosto o vindeiro sábado día 2 celebrarase no Tameirón (A Gudiña), a tradicional Romaría de San Francisco Blanco, natural desta localidade ourensá que morreu mártir en Xapón. Mais a deste ano será especial, pois contarán como convidados cos veciños da parroquia do Castro-Outarelo (O Barco de Valdeorras) que tamén veneran ao Santo (do que teñen a reliquia do cráneo) o 5 de febreiro, cos que se irmandarán.
O programa comezará cun pasarrúas da charanga Big Band e ás 12 horas terá lugar a procesión, seguida da misa cantada pola Coral Polifónica da Gudiña. E será no marco da eucaristía, cando teña lugar o acto de irmandamento seguido da sesión vermú amenizada pola charanga, e o xantar popular á sombra no que haberá pulpeira, larpeiradas galegas, pan, empanadas, polos asados e servizo de bar. Dende a organización aproveitarán para poñer unha mesa e recoller firmas pola defensa do tren.
Pola tarde, arredor das 16 horas haberá obradoiros infantís a cargo de Ocio Galicia e foliada coas pandereteiras Bulideiras da Chaira e As Torgueiras de A Gudiña.
O baile, a partir das sete da tarde, correrá por conta da charanga Big Band.
