
Xa case como unha tradición, na primeira fin de semana do mes de maio, do venres 1 ao domingo 3 A Portela de Portomourismo (Larouco-Petín) volverá transformarse nunha galería de arte ao aire libre, baixo as estrelas, coa cuarta edición de ‘Arte no Rural’, unha exposición que amosa en horario de 20 a 23 horas, as obras (pintura e escultura) de seis artistas da contorna. Algúns repiten como como Rogelio Diéguez, Roberto Álvarez ou Xelo de Tremiñá e outros exporán por primeira vez nas rúas da localidade valdeorresa, como Clara Quiroga ou Conde e Torino, amais de artistas locais.
Da man da Asociación A Rabiosa coa colaboración dos concellos de Petín e Larouco a inauguración da mostra será o venres 1 de maio, contando co pregón a cargo de José María Álvarez “que seguro vén coas palabras ben afiadas e o ánimo alto par dar o arranque como é debido”, adiantan dende a organización, convidando á poboación a asistir.
Ademais o sábado, a partir das 21 horas contarán con música en directo da man da xove banda valdeorresa, KZ Angel’s que tamén actuaba o pasado 25 de abril no marco da Festa do Cordeiro de Larouco.
