DeportesFútbolÚltima hora

Iván González: “Temos o plantel para facer un equipo que penso que poderá loitar por algo bonito”

O novo adestrador do CD Córgomo Vilamartín era presentado, xunto ao resto do plantel, durante as festas patronais

 

En catro anos de vida o C.D. Córgomo Vilamartín logrou facerse un oco no panorama futbolístico de Valdeorras, chegando ata Primeira Futgal onde competirá por segunda tempada consecutiva.

Nacía por e para o seu pobo, Córgomo, por iso xa dende o inicio decidían presentar o equipo diante da afección aproveitando as festas patronais. E así o facían un ano máis na noite do 29 de xullo. Alí daban a coñecer, un por un, aos xogadores que competirán este ano.

 

 

A maioría repiten pero tamén hai incorporacións novas. Na portería están Pablo Conde e Adri Iglesia; no lateral dereito, Guitián e Rubén; no centro Yosu que vén do Escairón, Diegas, Abiodun, Domínguez e Jairo; no lateral esquerdo, Deivis e Brian que vén do Melias; no medio, Rubén García do Barco, Sylla, Vidal, Vedo, Reguera e Gorka; no extremo, Poli procedente do Arnoia, Jes, Pérez que vén do Viana e Hugo do Rúa; e na dianteira, Dani Real, Joni e Borgas.

 

 

A principal novidade é o cambio no corpo técnico, sendo Iván González quen volve a Valdeorras para facerse cargo do equipo de Córgomo, acompañado por Nando. A nivel persoal este proxecto faille especial ilusión porque a directiva está formada por varios xogadores que adestrou no Barco; e no apartado deportivo, apetecíalle adestrar e dentro das opcións que tiña “ao Córgomo a nivel futbolístico véxoo como un equipo de Primeira, forte”, di Iván, asegurando que para ser recén ascendido fixo un bo ano. “Fíxoselles un pouco longa a tempada ao final pero había boa base con opción de poder aumentar plantel e iso foi o que me fixo fichar por este equipo”.

 

 

O técnico (natural de Candín) recoñece que está moi contento porque se cumpriron as súas expectativas. “O primero paso era renovar á maioría de xogadores e con algunha incorporación, de momento moi contento co plantel confeccionado. Falta un xogador máis se se pode na parte ofensiva, pero está ben”.

 

 

Tal como lle plantexara ao presidente, “temos que subir o nivel con máis xogadores e iso foi o que fixemos no verán. O primeiro paso está dado, despois hai que intentar ser equipo, nunha categoría que nos dá uns meses de marxe, ata o Nadal. O que temos que ser xa é grupo e non creo que teña problemas para ser un equipo de pobo, é dicir de amigos, que o domingo compite de verdade. O plantel xa o temos, despois grupo e equipo que penso que poderá loitar por un obxectivo bonito”, conclúe.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button