DeportesÚltima hora

Ivan Sanmartín, reelexido presidente da Federación Galega de Atletismo

O proceso electoral tamén define a composición dos seis postos electivos da Comisión Delegada da federación, un dos cales está ocupada polo Adas Cupa do Barco

 

Iván Sanmartín vén de ser reelixido na tarde deste 23 de outubro presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA) na Asemblea Xeral celebrada en Santiago. A súa continuidade no cargo prodúcese nun proceso electoral no que foi o único candidato á presidencia, polo que a súa elección formalizouse sen necesidade de votación, conforme ao regulamento electoral vixente.

A elección tivo lugar durante a sesión constitutiva da Asemblea Xeral da Federación, que reuniu aos membros da Asemblea para formalizar a elección da presidencia e proclamar ás persoas e entidades elixidas para os postos electivos da Comisión Delegada.

“A Xunta Electoral proclamou definitivamente a candidatura de Sanmartín tras concluír sen reclamacións nin recursos o prazo de impugnación das candidaturas provisionais. Deste xeito, o actual presidente é único aspirante ao cargo no proceso electoral de 2026,  afronta unha nova etapa á fronte do organismo federativo”, segundo informa a FGA.

Unha Comisión Delegada con representación dos distintos estamentos

O proceso electoral tamén define a composición dos seis postos electivos da Comisión Delegada, para os que se presentan seis candidaturas, o mesmo número que de prazas que se deben cubrir. Por este motivo, tampouco é necesaria unha votación.

As candidaturas corresponden ao Club Marineda Atlético, á Sociedad Gimnástica de Pontevedra e á Asociación Deportiva Atlética Sil (ADAS), en representación das entidades deportivas; a Iván Sangiao Darriba, polo estamento de atletas; a Mayka Jueguen Lago, polo de adestradores e adestradoras; e a Ángel López Montesinos Vázquez, polo de xuíces.

A Asemblea Xeral, integrada por 64 membros, aborda así a constitución dos órganos federativos para a nova etapa. Ademais dos seis postos electivos, a presidencia designa outros tres membros da Comisión Delegada, que deben ser nomeados nos dez días hábiles seguintes á toma de posesión.

Continuidade para o atletismo galego

Coa súa reelección, Iván Sanmartín inicia o seu segundo mandato dando continuidade ao proxecto federativo e asumindo o reto de seguir impulsando o desenvolvemento desta disciplina en Galicia.

A súa continuidade á fronte da FGA abre unha nova etapa de traballo para o atletismo galego, coa participación dos distintos estamentos e entidades deportivas nos órganos de representación da Federación.

Durante a súa comparencia ante a Asemblea, o xa reelecto presidente daba as grazas a todos por formar e apoiar este novo proxecto, pasando a enumerar brevemente cales van ser os sus obxectivos e liñas programáticas para o vindeiro mandato.

Back to top button