En portadaÚltima hora

IX Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, en Verín

 

Preto de 400 voluntarios e voluntarias de máis de 60 agrupacións de Protección Civil de toda Galicia reuníanse este sábado, 28 de xuño en Verín para participar nas IX Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense. Este evento, cun marcado carácter formativo e lúdico, busca recoñecer e poñer en valor a importante labor social e altruísta deste colectivo.

O acto de apertura da xornada tiña lugar no Auditorio Municipal de Verín e contaba coa asistencia de autoridades como o alcalde verinés, Gerardo Seoane; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva; e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; ademais do presidente da Asociación de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.

A xuntanza, na que alcalde de Verín lle daba a benvida aos asistentes, servía para confraternizar e facer balance do que supuxo este ano para os 4.410 voluntarios rexistrados nas 236 agrupacións galegas. No tocante ás cifras, Luis Menor puxo en valor que a provincia de Ourense é a que máis agrupacións aglutina (75 en total), con 1.231 voluntarios e voluntarias de Protección Civil, apenas 300 menos que na totalidade da provincia da Coruña, co mesmo número de agrupacións que Ourense.

Menor tamén agradecía o labor dos voluntarios que “de forma altruista e desinteresada centrades en velar pola seguridade de todos”, manifestando tamén que a Deputación continuará a cooperar activamente con este colectivo e todos os que están adicados ás emerxencias e á protección, resaltando que a ourensá é a única deputación galega con axudas específicas para este fin, que puxo en marcha o ano pasado de xeito experimental e que continuará neste ano e nos vindeiros aumentando a súa dotación.

 

 

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalaba a importancia deste persoal na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, labores nas que son “un piar fundamental”. Incidiu tamén na xenerosidade e entrega que demostran os membros destes colectivos e eloxiou o seu traballo “a prol da seguridade e benestar da poboación, tanto en eventos extraordinarios como no día a día”.

Así mesmo referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas entidades a través de diferentes medidas de apoio. Nesta liña, o mes pasado publicouse a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos de AVPC, que incrementou a dotación de 340.000 a 370.000 euros, e da que se beneficiarán 66 colectivos de Ourense.

Esta medida súmase ao apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento de case 15,4 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros. Cómpre sinalar que Ourense é a provincia na que se realizou un maior investimento, máis de 4,8 millóns de euros. Esta provincia é ademais, xunto coa Coruña, a que suma máis Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, 75 con máis de 1.200 membros.

 

 

O director xeral avanzou que, no marco do compromiso continuado coa dotación de medios para mellorar a capacidade operativa das agrupacións de voluntarios de protección civil, a Xunta ten previsto publicar neste ano unha nova orde de concesión de material, a través da cal se cederán 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.

Esta xornada, organizada pola Asociación Provincial de AVPC de Ourense e o Servizo Provincial de Emerxencias, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do propio Concello de Verín, que actúa como entidade anfitrioa.

Ao longo do día, os participantes poderán asistir a talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias —como primeiros auxilios, rescate en montaña ou intervencións con vehículos eléctricos— así como a visitas guiadas, exhibicións de medios e un acto institucional de recoñecemento aos voluntarios e voluntarias do ano.

 

 

 

Ademais do compoñente formativo, o programa inclúe actividades culturais e de lecer como a visita ao manancial de Cabreiroá ou unha excursión ao centro histórico de Chaves (Portugal), con baño incluído nas súas termas.

As xornadas inclúen un xantar de confraternidade, no que se celebrará a entrega de galardóns ás agrupacións e persoas voluntarias máis destacadas deste ano 2025.

Fotos cedidas.

 

Back to top button