
A área recreativa do Aguillón, na Rúa, volvía ser un dos escenarios nos que tiña lugar o izamento da bandeira galega, na mañá deste sábado 15 de novembro. Un acto convocado dende a Plataforma Social Vía Galega para conmemorar o 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo que tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 1918.
No acto líase o manifesto elaborado por Vía Galega para a ocasión así como varios poemas de literatos galegos, entre eles o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán ou Manuel María, rematando co izamento da bandeira ao son do himno galego interpretado por dous gaiteiros, Manuel Durán e Xabier Roo.

MANIFESTO
Xa van catro anos desde que Vía Galega escolleu unha data arredor do 17 e 18 de novembro para realizar estes actos co obxectivo de render homenaxe á I Asemblea Nacionalista de Lugo celebrada en 1918 nesas datas. Hai 107 anos, as mulleres e homes das Irmandades da Fala, recollendo o facho de persoas como Antolín Faraldo, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro nomeáronse, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos.
Aquel manifesto-programa reivindicaba para Galiza a súa autonomía integral, defendía a igualdade de dereitos para as mulleres, esixían o uso do galego na administración, na educación e na xustiza ou un réxime tributario propio. Como se pode observar, moitas das propostas e reivindicacións recollidas naquel manifesto continúan estando en plena vixencia e formando parte das reivindicacións actuais. O nacionalismo ten que ser a fonte vella da que sempre brota auga nova, é unha metáfora dun dirixente basco moi acaída para entender que do nacionalismo galego ten que brotar sempre auga nova para servir á Galiza de hoxe, mais asumindo e reivindicando a nosa historia, porque hai que coñecer de onde se vén para saber onde queremos ir.
Mais as Irmandades da Fala, ao igual que a corrente maioritaria do nacionalismo desde entón, eran tamén profundamente internacionalistas e antiimperialistas. Por iso, nun día coma hoxe, no que queremos facer ondear a nosa bandeira como unión e afirmación patriótica dun pobo, non podemos esquecer aos nosos irmáns palestinos, un pobo que coma Galiza, ten vontade e arelas de ser libre.
En 1930, Álvaro de las Casas, fundador da organización xuvenil Ultreya, publicaba un artigo en El Pueblo Gallego, que titulaba En pro da bandeira galega. Nel facía un chamamento aos concellos a usaren a bandeira galega logo de que un decreto do xeneral Berenguer restablecera o uso das bandeiras autonómicas prohibidas durante o mandato de Primo de Rivera. Nós, ao igual que el, defendemos que non hai escusa para non exhibir a nosa bandeira, porque como el ben recollía naquela artigo, a bandeira é “a máis clara representación da terra, a que acubilla as nosas mellores lembranzas e nela aniñan as nosas máis claras esperanzas”.

As casualidades fixeron que hoxe, 15 de novembro, sexa o aniversario do día no que se fundaba en Montevideo o Consello da Galiza. O órgano estaba conformado polos deputados exiliados Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e presidido por Daniel Castelao. O obxectivo era defender a vontade dun plebiscito aprobado de maneira abafante por unha maioría en 1936, e o dereito de Galiza a súa autodeterminación.
A subordinación política de Galiza durante séculos e a condición de país dependente xa foi analizada naquel momento. Mais esta situación levou, e leva consigo unha españolización que vai en aumento e sen complexos, a cal aspira a perpetuar unha asimilación e desgaleguización total da nosa sociedade. Isto non se entendería sen os máis fieis colaboradores deste réxime. Un exemplo terémolo no noso país en maio do próximo ano, onde nun exercicio de submisión, as rúas de Vigo serán escenario do desfile das forzas armadas españolas. Un acto de exaltación do militarismo e do españolismo presidido por unha institución anacrónica, antidemocrática e corrupta como é a monarquía.
Infelizmente, este non é un caso illado, padecemos un goberno galego que ve como perigoso todo o que reforce a nosa identidade nacional ou promova a defensa dos nosos intereses colectivos como pobo. Só así se entende tanta marxinación e autoodio. Os últimos feitos deste desprezo atopámolos nesa teima en avalar unha vez máis unha reforma da Lei do Deporte que busca blindar a participación do Estado e impedir a participación das seleccións nacionais nas competicións internacionais, entre elas a galega. Ou a paralización dunha comisión no Parlamento galego que leva 16 meses constituída e na que non se fixo absolutamente nada para restituír o Himno á versión fidedigna.
Aproveitamos novamente esta ocasión para lembrar que para Vía Galega é necesario e urxente modificar a Lei de Símbolos para restaurar oficialmente a letra do noso Himno, tal e como foi escrita por Eduardo Pondal. Non hai razón nin xustificación posíbel para non emprender a súa restauración. Só desde a neglixencia e menosprezo á nosa historia e cultura se pode manter esta situación. Restituamos entre todas e todos o noso Himno cantando a versión orixinal, e ondeemos permanentemente as nosas bandeiras, como unión e afirmación patriótica dunha nación que ten vontade e aspira a ser libre.
Fotos e vídeos cedidos.