CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Jay Doe & The Blues Preachers, unha banda con selo valdeorrés

Actuaban na noite do 19 de abril na terraza do Café Teatro Bajo 5 no Barco

 

Tras unha longa traxectoria musical en solitario, o músico Javier Casal “Jay Doe” decidía formar unha banda “para poder facer os temas que tocamos agora, que é blues clásico de Chicago, eléctrico”. E nese proceso poñíase en contacto con “grandes amigos. Todos quixeron unirse ao grupo e nun par de anos estabamos xa funcionando”. Así no 2018 xurdía Jay Doe & The Blues Preachers, unha banda que desprega un espectáculo baseado en potentes versións de clásicos do blues eléctrico, soul e rhythm & blues.

Nela, Javier Casal (voz e guitarra) está acompañado por Lucas Fernández (guitarra), Alexandre Carrero (baixo eléctrico), Ramón Figueira “Figui” (harmónica) e polo vilamartinés Manuel Ares (batería). Esta banda actuaba por vez primeira en Valdeorras na noite do 19 de abril no Barco, na terraza do Café Teatro Bajo 5, cunha boa acollida. “Os nosos concertos son superdivertidos, moi enérxicos e con moi bo rollo entre nós”, di o vocalista.

 

 

O público desfrutaba do seu repetorio habitual, con “temas moi recoñecibles que tocan guitarristas como Eric Clapton, e outros que non se recoñecen tanto pero que son de darlle ao pé, para bailar, moi apetecibles…”, comenta Javier Casal. “A verdade é que levamos os temas un pouco ao noso terreo, son clásicos de blues, blues eléctrico, pero que levamos ao noso estilo, sen saírmos do contexto blues eléctrico. Ao mellor introducimos cambios rítmicos nalgún tema, e así levámolos a un contexto diferente”, engade o baterista vilamartinés Manuel Ares, que se iniciaba na música na súa Valdeorras natal, tocando en grupos como Bukowski Blues Trío?. “Os que formamos parte de Bukowski seguimos mantendo o contacto e ao mellor unha posible xuntanza no futuro non estaría mal”, comenta.

De feito, un deles Aitor González, asistía ao concerto do pasado venres no Barco e mesmo se subía ao escenario para acompañar a Jay Doe & The Blues Preachers coa súa harmónica.

 

 

Tanto Casal como Ares aseguran que existe interese e público por este tipo de música, “de feito hai moitos festivais importantes deste tipo tanto en España como en Portugal como fora, por Europa e non digamos nos EEUU”. Aínda que tamén recoñecen que “a proxección destes festivais é como máis limitada, ou para a xente que está un pouco metida no mundiño. Non obstante, ás veces, moita xente vén a un dos nosos concertos porque lle soa iso do blues, quédanse e saen encantados. E din este estilo de música é marabilloso“. E ambos pensan que sería interesante que este estilo de música entrase máis na programación de vilas como O Barco.

Agora a banda continúa co seu mini tour, ao mesmo tempo que prepara un novo álbume con temas propios, “xa temos algún material”, adiantan.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button