O Día Mundial do Cancro, que se celebra neste 4 de febreiro, é unha data para darlle visibilidade a esta enfermidade, “pero non debemos esquecernos de que este problema témolo aí todos os días. O cancro agora mesmo é a primeira causa de mortalidade nos países desenvolvidos, por riba das enfermidades cardiovasculares”, lembra o xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o valdeorrés Jesús García Mata.
Pero tamén hai boas novas. “O cancro é unha enfermidade que cada vez sabemos controlar mellor e ese control vén por dúas vertentes. En primeiro lugar sabemos diagnosticar mellor os tumores, somos máis precisos e froito desa precisión fomos capaces de desenvolver e implantar tratamentos para loitar especificamente contra as alteracións biolóxicas dos diferentes tumores e isto ten permitido que cada vez curemos a máis pacientes con tratamentos menos tóxicos”, indica o doutor García Mata.
Ademais chama á concienciación social. “Na loita contra o cancro non debemos esquecer o que podemos facer cada un de nós a través dos hábitos de vida que temos que adoptar para diminuír a posibilidade de ter cancro: comer de forma sa, facer exercicio a diario, non fumar, beber pouco alcohol, ter coidado coa exposicións a determinadas radiacións como a solar…”.
Vídeo cedido.