SanidadeÚltima hora

Josefa Rodríguez Araújo, nova directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Ligada sempre a esta área desde 1991, ocupaba ata o de agora o posto de subdirectora de Enfermería de Atención Primaria e foi a coordinadora da campaña de vacinación fronte a Covid-19 durante a pandemia

 

A Consellería de Sanidade vén de nomear a Josefa Rodríguez Araújo como nova directora de Enfermaría da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a Beatriz Cabanelas González. A nova directora de Enfermaría que naceu en Alemaña fai cincuenta e tres anos, cursou estudos de Diplomatura Universitaria na Escola de Enfermaría de Vigo completando a súa formación académica coa realización dun ,Máster en Xestión e Coidados da Universidade de Santiago de Compostela e outro Máster en Ciencias da Enfermaría da Universidade de Alicante ademais de múltiples cursos de formación continuada así como publicacións en revistas e premios de investigación e innovación ao longo da súa traxectoria profesional.

Na actualidade desenvolvía a súa actividade profesional como subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da área sanitaria ourensá, cargo ao que accedeu en xaneiro de 2020, e foi tamén a Coordinadora da Campaña de Vacinación contra a COVID 19 que desenvolveuse con enorme éxito na Área de Ourense e que acadou gran recoñecemento coa obtención de diversos premios e distincións a nivel nacional.

A súa experiencia profesional está moi vencellada sempre á sanidade ourensá xa que comezou o seu traballo como enfermeira no ano 1991 no Complexo Hospitalario Cristal-Piñor onde acadou o nomeamento como supervisora de área no ano 2001. Durante a súa estadía no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense participou en numerosos grupos de traballo e investigación como foron a Comisión de Protocolos de Enfermaría, a Comisión de Calidade ou o grupo de investigación en historia e pensamento enfermeiro “Ágora”. No eido da investigación formou parte activa como participante colaborador no Subproxecto Habitación Intelixente, enmarcado dentro do Proxecto Hospital 2050, e do Proxecto de Innovación “Sistema Intelixente de alertas multinivel” dentro do programa de Innovación Sanitaria Innova Saúde.

Posteriormente desenvolveu o seu traballo na atención primaria ourensá como enfermeira no Centro de Saúde de Baños de Molgas despois dunha estadía de catro anos no Centro de Saúde de Valle Inclán da capital ourensá.

 

 

Como subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria desenvolveu a Estratexia Galega de saúde comunitaria, co fin de reforzar as accións de promoción da saúde, potenciando a docencia e a investigación dende Atención Primaria, potenciando os Plans Locais de Saúde e implementando o programa galego de saúde escolar e o programa galego de prevención da fraxilidade. Neste programa de saúde escolar a área sanitaria ourensá é un referente a nivel galego xa que leva varios anos traballando en colaboración cos colexios a través de distintos programas de educación para a saúde.

Obxectivos para esta nova etapa

Josefa Rodríguez terá coma grandes obxectivos desenvolver accións que garantan a calidade dos coidados aos pacientes promovendo a excelencia na atención, crear un clima de satisfacción laboral xerando contornas de traballo positivos, fomentando a participación e o empoderamento do persoal.

Desde o seu posto da Dirección de Enfermaría de Primaria promoverá a continuidade de coidados entre o hospital e os centros de saúde asegurando unha comunicación fluída entre os profesionais dos distintos niveis, compartindo información relevante sobre os pacientes, elaborando protocolos claros para garantir unha transición segura e efectiva, e aportando as ferramentas necesarias para a educación e o empoderaramento dos pacientes para que poidan participar no proceso do seu autocoidado.

 

Artigos relacionados

Back to top button