
A xunta provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense vén de informar de que conta cunha nova xernete, Judit Vega Avelaira, quen se incorpora “con experiencia, ilusión, compromiso e unha firme vocación de servizo cara á nosa provincia e todas as persoas que forman parte da AECC”.
Esta nova etapa enmárcase, segundo a xunta directiva desta entidade, “nunha visión compartida de futuro: unha AECC en Ourense consciente da enriquecedora e complexa pluralidade dos nosos pobos, da nosa poboación dispersa e da particular xeografía que nos define. Queremos seguir construíndo unha asociación próxima, colaborativa e aberta, que traballe en rede coas institucións públicas e privadas —a Xunta de Galicia, o SERGAS, a Deputación, os concellos, as universidades, os colexios oficiais— así como con asociacións e axentes sociais comprometidos coa cidadanía, a saúde e o ben común”.
Así mesmo, a entidade aspira a “fortalecer unha AECC que recoñeza e valore a xenerosidade do voluntariado e dos socios, piares esenciais do noso labor, e que continúe impulsando a investigación, a prevención, os cambios nas políticas públicas e o acompañamento integral a pacientes e familiares”.