DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Julio Pérez Veiga: “Con este libro quero darlle protagonismo aos deportistas valdeorreses”

Este docente e escritor vén de presentar no Barco a súa segunda obra, titulada "Historias do deporte valdeorrés"

 

Cando chegaba a Valdeorras, a comezos dos anos 80, a Julio Pérez Veiga sorprendíalle a “gran efevercencia deportiva de Valdeorras”. Comezando polo fútbol, pero seguindo tamén por outros deportes como piragüismo, “co extraordinario Descenso do Sil, que para min era algo novidoso. É extraordinario tamén era o Gran Premio Cuprosan, aquí viñan as primeiras figuras do ciclismo nacional. Tamén nos 80 nace a liga do fútbol sala e o bebé do Adas que perdura grazas a Agustín e a Jose que o fundaron e que nos levaron a conseguir enormes éxitos para Valdeorras e as vitorias tamén de Benxamín Fernández”.

 

 

Así o lembraba o docente e escritor Julio Pérez esta tarde no Multiusos do Barco na presentación do seu novo libro “Historias do deporte valdeorrés” (Nós SC, 2025), no que estaba acompañado polo concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, polo autor do limiar da obra, Gonzalo Gómez, e por Ana Pérez.

 

 

Pérez Veiga comezaba expoñendo os motivos que o levaron a escribir esta obra, o segundo libro que dedica ao deporte na comarca tras a boa acollida de “Historias do CD Barco” (2023). Entre eles cita a súa paixón polo deporte, o afán por deixar algo que “perdure de ti” e, principalmente, “dar protagonismo a todos os deportistas valdeorreses que nos últimos 75 anos levaron a Valdeorras ao máis alto. Os deportistas teñen que ser un referente auténtico para a sociedade”.

A continuación explicaba como se desenvolveu o proceso de elaboración do libro, que durou 16 meses: dende a localización dos protagonistas, a realización das entrevistas con eles ou cos seus familiares ata a busca de documentación e a escrita. “O contido do libro é moi variado, tamén o enfoque, dende as crónicas e reseñas, ata as biografías resumidas”.

 

 

Os primeiros capítulos do volume, avanzaba Julio Pérez Veiga, están adicados “ao baloncesto nos anos 50-60 no Barco, deporte no que se empezaba competindo na Academia Dequidt. A partir avanza para abordar o CD Barco ou o gran premio Cuprosan de ciclismo na Rúa. Noutros apartados aborda a “homes fundamentais do deporte valdeorrés” e tamén “aventuras lúdicas” ou mesmo “capítulos anecdóticos” como o da voda de Roca.

 

 

Na súa intervención, Pérez Veiga tamén reivindicaba o “papel da muller no deporte valdeorrés” e amosaba a súa satisfacción por ter escrito este libro por “ter contribuído un chisco ao deporte valdeorrés. A xente do deporte conta coa miña admiración, tanto os que xa non están como os que aínda están en activo. Este ten sido un libro moi agradecido e síntome dobremente feliz, por eles e por min. Grazas pola súa complicidade, polas fotografías, polo tempo que me adicaron, polo interese e pola súa disposición e amabilidade”.

 

 

Ademais no acto o concelleiro de Deportes do Barco apuntaba que “o deporte non é unha actividade física, tamén é unha escola de vida” e cualificaba o libro de “lectura amena, entretida e que se me fixo curta”, por iso, animaba ao autor a escribir “unha segunda parte”. Tamén interviña Gonzalo Gómez, quen resaltaba “o espírito colectivo do deporte valdeorrés” e facía “unha mención especial a aqueles nomes que aparecen nas páxinas do libro e que xa non están entre nós”.

A presentación ía intercalándose coa proxección de varios vídeos, con imaxes antigas de diversos deportes, e concluía cunha degustación de petiscos e viños das adegas Roandi e O Cabalín.

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button