Seguindo a senda iniciada o ano pasado e máis que datas concretas, dende o Concello da Rúa pensan nunha programación lúdico-cultural que se manteña no tempo, aínda que máis concentrada nos meses de verán que presentaban na mañá deste xoves 24 de xullo.
Tal como explicou a alcaldesa, a programación xira sobre todo en torno ao apartado musical e festivo pero acompañado por deporte e outro tipo de actividade cultural como pode ser o teatro que arrincaba onte co inicio do campus de baloncesto e que rematará coas festas de San Roque que organiza a Asociación Cultural Sabugueiro coa colaboración do Concello “aínda que en xullo xa tivemos moita actividade”. Son un total de “45 actividades distribuídas en 18 días espallados entre xullo e agosto que inclúe as festas de verán do 1 ao 3 de agosto con grandes orquestras e grupos como Kubo, La Banda de Ayer, La Misión, Cinema e América de Vigo, ademais de charangas e Dj’s; a Baco Festa, do 8 ao 10 con No All Kansas e un tributo aos Rolling Stones; O Son da Estación con Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e Killvir Dj; as Xornadas de Folclore con grupos de Ucraína, Arxentina e Filipinas; teatro do Centro Dramático Galego, etc.
Un progama completo e variado, adaptado á demanda e tamén ao presuposto. “Aforramos nalgunhas cousas e gastamos máis noutras porque crecen os prezos pero contamos coa colaboración da Xunta e da Deputación”, dixo o concelleiro José Vicente Solarat, asegurando que “é moi probable que volval os feirantes, sempre e cando cumpran coa normativa de seguridade imposta”. Nese caso tanto as casetas como as atraccións irían no campo de fútbol “o lugar máis axeitado”, puntualizou a alcaldesa.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.