
O OUFF · Ourense Film Festival estendeuse hoxe ata o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, onde, como nos últimos anos, tivo lugar unha proxección dirixida ás persoas internas do centro. A actividade forma parte da programación do OUFF Social, unha liña do festival que busca achegar o cinema a diferentes colectivos e espazos da contorna.
Ata o centro desprazáronse os directores do festival, Óscar Doviso e Marcos Vázquez, acompañados nesta ocasión por Ángel de la Cruz, director do filme La Silla, e pola actriz Estíbaliz Veiga, que participaron no encontro coas persoas internas tras a proxección. O filme está protagonizado por Jaime Lorente, que mañá estará en Ourense para recibir o Premio Ópera Prima polo seu filme El mal hijo.
Deste xeito, o OUFF volveu sacar o cinema das salas e levalo a outros espazos, xerando un encontro directo entre o público e os profesionais da industria audiovisual. Unha iniciativa que o festival mantén ano tras ano dentro do seu compromiso coa vertente social e coa vontade de facer do cinema unha ferramenta de encontro, participación e acceso á cultura.
