CulturaCulturaÚltima horaVídeos

“La Tableta de Chocolate”, un libro que nace para rescatar a memoria dun pai e acaba recuperando a memoria de todo un pobo

A obra, escrita por Sonia Moral Álvarez, era presentada no Casino do Barco

 

Continúa a programación cultural que de forma conxunta, retomaban hai uns meses o Instituto de Estudos Valdeorreses e o Casino do Barco, tras o parón polo incendio que obrigaba a reformar o edificio. Xa tiveron algunha presentación e tamén exposicións e na tardiña do sábado 10 de outubro era a quenda do libro La tableta de chocolate, de Sonia Moral Álvarez.

 

 

A benvida corría por conta do presidente do Casino, Pablo Dobao, quen aseguraba que seguirán apostando pola cultura e moi especialmente a local, dando paso ao presidente do IEV, Aurelio Blanco, encargado de presentar á autora.

 

 

Blanco Trincado non escatimou en eloxios para Sonia, asegurando que “é un luxo presentar o teu libro neste lugar privilexiado en pleno Camiño de Inverno”, un encontro “coa cultura, a literatura e a memoria”. Sobre o libro, asegurou que nace do amor dunha filla polo seu pai e acaba converténdose nalgo moito máis grande. “La Tableta de Chocolate nace para rescatar a memoria do seu pai e acaba recuperando a memoria de todo un pobo”, un labor moito máis complexo “cando a memoria comeza a esvaecerse polos efectos dunha enfermidade tan dura como a demencia vascular”, dixo.

 

 

Neste libro, Sonia enfrontouse con valentía ao reto de rescatar uns recordos que ameazaban con desaparecer “e fíxoo con amor, paciencia, constancia e esa vontade que ás veces resulta imprescindible”, dixo Aurelio, tendo unhas verbas especiais para os coidadores, esas persoas que se encargan de atender e estar cos seres humanos que pouco a pouco van perdendo a memoria e con ela os recordos.

 

 

Máis que un exercicio de memoria, La Tableta de Chocolate “é unha achega á historia humana do teu pobo e tamén un convite a reflexionar sobre a importancia de escoitar aos nosos maiores, conservar os seus testemuños e non deixar que o tempo borre o que aínda estamos a tempo de salvar”, concluía o presidente do IEV, dando paso á autora que recoñecía que o destino ou quizais a enerxía do seu pai, fixo que a presentación do libro adicado a el fose o mesmo día no que cumpría medio século de vida.

 

 

Emocionada e pedindo un aplauso para a súa nai, “unha muller cos pés na terra e unha coidadora exemplar”, neste día no que “meu pai quixo que celebrara o meu aniversario dun xeito tan especial, rodeada da xente que o coñeceu”, Rosa, procedía a explicar o proceso polo que pasaron antes do diagnóstico do seu pai, por quen decidía escribir este libro “a historia dun pobo, Soulecín (O Barco), que fará sentir ao lector o verdadeiro protagonista.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

 

Back to top button