Na recta final do Tour de Francia, o director da rolda española Javier Guillén, achegábase ata Valdeorras para presentar unha etapa moi especial de La Vuelta 2025, a que sairá o vindeiro 10 de setembro e por primeira vez dende O Barco.
“Será a terceira e última etapa por terras galegas, curta en quilómetros (144 quilómetros) pero moi bonita, intensa e sobre un terreo duro, na que os corredores pelexarán pola camisola. Saíunos unha etapa redonda, a penúltima de montaña e xa na última semana”, dixo Guillén, acompañado na mañá deste mércores 23 de xullo, polo alcalde do Barco, Alfredo García; polo director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles; e polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.

Neste 2025 no que cumpre 90 anos, La Vuelta desenvolverase do 23 de agosto ao 14 de setembro cubrindo unha distancia de 3.151 quilómetros nun total de 21 etapas, tres delas por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/ Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. E xa o día 10 de setembro, despedirase da comunidade galega coa etapa 17, que sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada (León).

Para o alcalde do Barco, Alfredo García, “é unha honra ser saída dunha etapa de La Vuelta a España”, dixo, asegurando entre risas que teñen asumido que a “vila será un caos ese día pero a xente vaino entender e desfrutar do espectáculo que supón a saída dunha proba tan importante”, asegurou dando as grazas especialmente á Deputación por “lembrarse do Barco que se sinte querido neste mandato”. García recoñeceu que dende o Concello “ese día poremos todo o noso esforzo na organización e sobre todo esta paraxe”, dixo amosando o paseo do Malecón e indicando que a saída será dende o aparcadoiro do campo da festa e o da parte de arriba onde se instalará o groso da organización, e “por suposto a estrada dende A Proba ata o Malecón estará colapsado coa caravana da carreira”.
O director de La Vuelta asegurou que foi moi doado poñerse dacordo doa Deputación “porque tiña interese en que estiveramos aquí”, lembrando as veces que xa levan traballado con ela, sempre con sentido traballando en Manzaneda, a Ribeira Sacra, a cidade de Ourense “e agora tocaba Valdeorras” para seguir promocionando a provincia a través da rolda.

La Vuelta, non só é un evento deportivo senón “unha plataforma de comunicación que o que quere é contar historias que chegan a millóns de persoas en todo o mundo cunha audiencia de máis de 400 millóns de espectadores que coñeceran O Barco de Valdeorras”. Unha etapa moi interesante, “de auga fluvial e montaña coa conexión entre Galicia e León, na que tamén falaremos de gastronomía e dos fantásticos viños”, dixo, asegurando que era un “namorado do Godello” que probaba hoxe, lembrando que este ano La Vuelta cumpre o 90 aniversario e “para nós era importante meter a todos os referentes e estar en Galicia”.
Na súa intervención o director de Turismo de Galicia salientou “o potencial dos eventos deportivos como escaparates para achegar os recursos turísticos da terra a un novo público, tal e como recolle a Estratexia 2030”. Xosé Merelles lembrou tamén a achega do turismo deportivo ou turismo activo á comunidade, destacando que “se trata dunha modalidade que moi frecuentemente se integra con outras propostas, como o turismo de natureza, o rural ou o enogastronómico”. Ademais, incidiu na modalidade do cicloturismo, unha oportunidade estratéxica para a aposta de Turismo de Galicia pola diversificación e sostibilidade na oferta.

Ademais, o director de Turismo destacou o importante impacto mediático de eventos deportivos desta magnitude subliñando que contribúen a “reforzar nacional e internacionalmente Galicia como destino”. Así, salientou os máis de 17 millóns de espectadores que viron a proba nalgún momento por televisión e os 23 millóns de visitas á web oficial. “É unha proba que se sigue en máis de 180 países”, dixo.
Pechando a presentación, o presidente da Deputación, Luis Menor, asegurou que esta “ será unha oportunidade única de promoción e un revulsivo económico para a comarca e para a provincia”, destacando que para a institución provincial a comarca de Valdeorras é un “obxectivo estratéxico”, polo que iniciativas coma esta permitirán seguir “colocando a esta comarca dinámica no mapa”.

Ademais, resaltou o “factor de reclamo e promoción de primeiro nivel para a práctica do deporte” que supoñerá o paso de La Vuelta por Ourense. “Ourense debe continuar loitando por ser sede de grandes eventos nacionais e internacionais”, incidiu o presidente provincial, que lembra que a Deputación destina un total de 800.000 euros para o impulso da provincia como territorio de acollida de importantes eventos deportivos.
O presidente provincial lembrou a “vinculación no tempo” da rolda española coa provincia, xa que pasou por primeira vez por terras ourensás en 1980 e, desde entón, esta proba tivo saídas de etapa, percorridos intermedios e chegadas na provincia e na capital en 11 ocasións.
Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver
Vídeos: Mónica G. Bellver.