Calor intenso e sequías persistentes son factores que avivan o risco de incendios forestais e contaminación atmosférica, dando lugar a un escenario ao que cada vez nos enfrontamos máis a miúdo. Ciencia, investigación multidiscliplinar e colaboración cidadá, son fundamentais para atopar solucións. Por iso, dous meses despois da vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense, parte de Castela e León e Estremadura, ECOBAS trasládase a Larouco, punto de inicio desta catástrofe ambiental, económica e social na comarca de Valdeorras, para analizar os impactos do acontecido.
O de Larouco, con 32.000 hectáreas de superficie queimada, foi confirmado como “o peor da historia da nosa comunidade autónoma”, pero máis datos disparan as alarmas: “a superficie de monte queimado en Galicia en 2025 elévase ao 40% das hectáreas asoladas polo lume en toda a última década”, aseguran dende ECOBAS, un Centro de Investigación Interuniversitario especializado no estudo da sostibilidade nun senso amplo.

Integrado por persoal investigador e docente das tres universidades galegas, desenvolven os seus propios estudos dende o eido das ciencias sociais, principalmente a Economía e a Empresa e en Larouco contarán coa colaboración do Concello.
Así, co-organizada pola directora científica de ECOBAS, María Loureiro e a investigadora do Grupo HC1 da Universidade de Vigo, María Isabel Doval, o 14 de novembro celebrarán unha xornada, aberta a toda a cidadanía, que contará coa intervención de persoas expertas e representantes de distintos colectivos directamente afectados e ocupados en atopar as vías de mellora para que nada igual volva a suceder no futuro.
Baixo o título ‘Ciencia e Comunidade: arredor do lume na zona 0’ desenvolverase en horario de 11 a 16 horas na Casa da Cultura – Antiga Escola, cun aforo limitado polo que é imprescindible inscrición previa.