SanidadeÚltima hora

Licítanse por 2.014.158 euros os servizos de mantemento de instalacións dos hospitais do Barco e Verín

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta vén de publicar, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 2.014.158,50 euros, do servizo de mantemento integral do Hospital Público Verín e do soporte técnico-legal ao mantemento en varias instalacións do Hospital Público de Valdeorras durante 36 meses.

O obxecto do contrato son traballos de prevención, reparación, inspeccións periódicas e demais funcións relacionadas coa conservación e o bo funcionamento de edificios, equipamentos, mobiliario e instalacións.

En concreto, contratarase o mantemento integral do Hospital Público de Verín que inclúe, entre outros servizos, o mantemento de mobiliario, tanto clínico como xeral; de instalacións eléctricas de alta e baixa tensión de enerxía renovables; o aire acondicionado, ventilación e rede de condutos; instalacións de protección contra incendios; ou mantemento rutineiro, incluíndo a xardinería de todo o recinto hospitalario.

Por outra banda, encargarase o soporte técnico-legal de instalacións do Hospital Público de Valdeorras como quirófanos, paridoiros, unidade de rehabilitación ou de neonatos; a central térmica; tomas de terra, pararraios e antenas; ou o mantemento hixiénico-sanitario de instalacións de risco fronte á lexionelose. Neste caso, se durante a vixencia do contrato se producise un cambio na lexislación aplicable que obrigase á modificación total o parcial dalgunha das instalacións existentes, o adxudicatario deberá propoñer as modificacións necesarias.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

 

Back to top button