
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación da subministración de 30 sillóns destinados ao uso de pacientes para as áreas reformadas do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, por un importe de 31.460 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o día 30 do presente mes.
Esta licitación responde á necesidade de dotar ás áreas reformadas da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario de Ourense de mobiliario adecuado, neste caso, de sillóns para pacientes que, entre outras aspectos, se require que sexan ergonómicos, robustos, con reforzo lumbar, abatibles para permitir a transferencia do paciente coa máxima seguridade, con reposapés articulado en distintas posicións e con rodas, para posibilitar o descanso e readaptación do doente.
A Unidade de Coidados Intensivos é un dos espazos máis críticos e fundamentais dentro dun hospital e nela aténdese a pacientes con enfermidades graves que requiren unha atención constante. A tal efecto, para garantir unha asistencia óptima, é necesario contar con mobiliario que permita aos profesionais da saúde levar a cabo o seu traballo de maneira eficiente e segura.
En consecuencia, as novas áreas da Unidade de Coidados Intensivos do hospital precisan duns sillóns de pacientes para proporcionar unha correcta cobertura sanitaria á poboación desta área para unha estadía satisfactoria dos doentes que se atopan ingresados nestas dependencias.
Destes 30 sillóns obxecto da licitación, 25 deles son para pacientes básicos e outros 5 para doentes con ancho especial destinados a doentes bariátricos da Unidade de Críticos. Os produtos ofertados deberán cumprir a normativa española e comunitaria vixente.
“Este novo investimento enmárcase na finalidade do Servizo Galego de Saúde de levar a cabo as actividades e servizos sanitarios precisos para unha mellor promoción da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e rehabilitación. Para asegurar o cumprimento destas prestacións é imprescindible un equipamento adecuado como o que agora se licita”, segundo Sanidade.