
A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 98.255,59 euros, da redacción do proxecto e dirección das obras de renovación das instalacións do Hospital Público de Verín, que permitirán ampliar o hospital de día para ampliar a súa capacidade e renovar as súas conducións. O investimento estimado da obra sitúase en torno aos 1,8 millóns de euros.
O plan de necesidades do Servizo Galego de Saúde recolle o traslado do hospital de día, onde se atopa o servizo oncohematolóxico, ás instalacións das antigas urxencias. Esta actuación permitirá pasar dunha zona principal de tratamento de 54 m² a unha nova área de tratamento de 124 m², aumentando os postos de atención.
Deste xeito, a distribución proposta permitirá implantar catro consultas médicas cun total de 52 m², unha zona principal de tratamento en cadeiras de brazos (124 m²), tres boxes para tratamentos en cama de aproximadamente 30 m², unha sala de observación postratamento con camas (28 m²), oficina para o persoal (15 m²), un control de enfermería (14 m²), unha zona de admisión (15 m²), dous aseos, e unha sala de espera (55 m²).
Así mesmo, levarase a cabo a substitución das tubaxes de auga sanitaria, a reforma da instalación eléctrica da área cirúrxica ou a actualización do sistema de protección contra incendios, entre outras.
O prazo establecido para a redacción do proxecto será de dous meses, contando desde a formalización do contrato. As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 2 de outubro para presentar as súas ofertas.
Atención próxima e de calidade
O novo edificio das Urxencias e do PAC do Hospital de Verín, que entrou en funcionamento en outubro de 2024, ofrece aos pacientes e aos profesionais unhas instalacións máis modernas, accesibles e confortables. A infraestrutura, que triplica a superficie das anteriores Urxencias, permite prestar unha atención de calidade, próxima, coordinada e equitativa.
O Hospital de Verín dá servizo a máis de 46.400 veciños do distrito sanitario de Verín e cada ano atende preto de 15.000 urxencias hospitalarias e a través do Punto de Atención Continuada.