Un ano máis os Ecovixiantes de Franciscanas participan na Limpeza Simultánea de Ríos que este ano celebra a XVIII edición, coa participación duns 40 rapaces, “case tantos como as elevadas temperaturas que sufrimos esta tarde”, din dende o grupo que se desprazou ata a praia da Antena, no río Miño ao seu paso por Ourense.
Alí, baixo o lema ‘O Mar empeza Aquí” recolleron miles de cabichas a beira do río, co perigo ambiental que iso supón, pero tamén preto de 150 kg de aveños varios: botellas de vidro, latas, tubaxes, placas metálicas, cordas,…

Ataviados cos seus chalecos amarelos Ecovigilantes de Franciscanas tamén celebraba a 25 Semana Europea da Movilidade, realizando uns preciosos debuxos para a DXT.
Baixo o lema “Móllate polos ríos”, estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.

Na web de Proxecto Ríos está dispoñible a listaxe de concellos e asociacións participantes, con datos de contacto para poder sumarse ás actividades, sempre que os grupos non estean xa pechados. A Estrada, A Coruña, Allariz, Ames, Baiona, Moaña, Ourense, O Grove, Santiago de Compostela ou Vigo son algunhas das localidades nas que se impulsan limpezas, entre outras moitas, de forma que todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.
Educación e sensibilización
Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá. A asociación ADEGA distribuirá un Protocolo de Limpeza de Ríos, dispoñible para descargar tamén na súa web, coas claves para realizar intervencións respectuosas e seguras nestes ecosistemas.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación. Neste ano 2025, Proxecto Ríos celebra os seus 20 anos de traxectoria.

Fotos cedidas.