Mesmo espazo, mesmo sector pero nova xerencia, novo nome e novos produtos. Na tarde deste venres 14 de novembro, apenas catro meses despois de que Charo López baixase as persianas do seu negocio de moda na rúa Pérez Lista do Barco de Valdeorras, o establecemento comercial volve abrir, desta volta co nome de ‘Lo de María’, un novo concepto de mercería no que tamén atoparemos prensas exclusivas feitas a punto e gancho e asesoramento.


Á fronte do negocio está María Fernándes Morais que leva vinte anos vivindo no Barco e catorce vencellada ao sector téxtil. “Estaba de dependenta nunha mercería onde facía arranxos ademais de atender á clientela e agora decidín emprender pola miña conta a ver que tal vai”, di María ilusionada e orgullosa co local que considera “moi bonito” e perfecto para o que ela quere.

A esencia será vender todo tipo de produtos de mercería (lás, gomas, fíos de crochet para bordar, agullas,..) e ademais “a xente sempre atopará cousas feitas a man e exclusivas porque non hai dúas iguais”. Agora o que ten no escaparate é máis ben de mostra para que a xente vexa o que fai pero “pode facerse de todo”. A xente poderá encargar pero ela tamén irá facendo cousas para vender “e para dar ideas a todo aquel que queira facer as súas propias prendas”, di María, asegurando que máis adiante tamén dará algún taller de gancho e punto e asesorará á xente que o precise “porque non lle sae un punto ou necesita saber o número de nobelos que leva unha prenda”, entre outras cuestións que lle poidan xurdir á clientela, moita da cal a coñece, algo que sen dúbida a vai beneficiar.
‘Lo de María’ estará aberto de 10 a 13:30 e de 16 a 20 horas, sábado de 10 a 13:30 horas, no horario de inverno. “No verán pode que cambie algo pero pouca cousa”, conclúe, atendendo á xente que acudía á inauguración, entre a que non faltaba a propia Charo López e o seu home.





Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.