
Durante estes días nos que Valdeorras estivo golpeada duramente polos incendios, tamén agromaba a solidariedade. Por unha banda, da veciñanza que se volcaba para axudar a loitar contra as chamas, dos voluntarios e tamén da hostalería da comarca que pechaban e colaboraba preparando e repartindo comida e bebida. Así, houbo establecementos que pecharon as súas portas e que aportaban auga, froita e comida á veciñanza e ás persoas que estaban participando nos labores de extinción en diferentes puntos da comarca.
Un dos primeiros en sumarse a ese labor solidaria e voluntaria era Recetas de la Abuela, xa dende o primeiro momento, o 14 de agosto. “Levamos repartidos máis de 3.000 bocadillos e máis de 7 palés de auga neste tempo”, conta Conchi, a súa responsable, que tamén contaba con axuda, a través dun grupo de whatsapp, de diversos voluntarios para preparar os bocadillos, que logo ela mesma repartía por diferentes localidades de Vilamartín e Petín.

Conta que teñen sido días moi duros, especialmente por ver as consecuencias dos lumes e como esas persoas, en lugares como San Vicente de Leira, non só perderon as súas casas, senón tamén a súa historia e memoria, e as dificultades que poderán ter no futuro para seguir vivindo alí. E pese a todo, emociónase ao ver o agradecemento na cara da xente cando recibe cada bocadillo e tamén as súas bágoas, especialmente dos maiores. Tamén reparte outros alimentos como galletas e mesmo comida para mascotas.

Ademais nestes días tamén preparaba paellas en lugares como Correxais (Vilamartín de Valdeorras) e Petín, neste último caso xunto aos responsable de Café Teatro Bajo 5, que tamén preparaban nestes días bocadillos (de xamón e queixo) para repartir por zonas como Petín, xa que nese momento en Vilamartín non se necesitaba a comida. “Estivemos axudando como poidemos en Vilamartín, facendo recados, colocando os palés de agua, axudando no que nos mandaban…”, contan de Café Teatro Bajo 5.
Do mesmo xeito tamén preparaban bocadillos outros establecementos como San Mauro (que fixo bocadillos e levou pizzas a zonas como Vilamartín), tal e como eles mesmos difundían nas súas redes sociais, entre outros valdeorreses como o Piquiño que tamén levou ceas a zonas como Vilamartín.


Ademais houbo outras empresas, como supermercados que tamén se sumaban a este apoio, como é o caso de Gadis, con diferentes produtos, entre outros.
Hai tamén empresas de bebidas que teñen feito doazóns, por exemplo, de auga que se está a repartir nas localidades nas que non hai subministro de auga potable neste momento como é caso de Gaseosas Roca, que trouxe palés de auga e Aquarius, e Mercadona con palés de auga.
Fotos cedidas.
