
Na tarde deste mércores 22 de abril, a Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) localizaba o corpo sen vida dunha persoa no río en Carballedo, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que se trata “da zona do encoro dos Peares, onde o pasado 30 de marzo desapareceu un mozo tras envorcar o seu caiac”.
Segundo explican, o achado producíase durante un rastrexo realizado polo Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega, que colaboraba no operativo coordinado pola Garda Civil na busca da persoa desaparecida. “O corpo foi avistado na beira do río, a uns 400 metros de distancia do encoro”. Tras a localización, os membros do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil encargáronse das tarefas de recuperación.
A alerta pola desaparición do mozo activárase o pasado 30 de marzo pasadas as 16:30 horas, despois de que un particular informase do accidente. Á súa vez, “este fora avisado pola outra persoa que ía no caiac, quen logrou saír da auga polos seus propios medios tras perder de vista ao seu compañeiro”, explican dene o 112, asegurando que desde entón, “os equipos de emerxencia traballaron intensamente nunha zona de gran complexidade debido á súa escarpada orografía”.