Nas antigas paredes do Pazo dos Oca-Sarmiento, onde ten a súa sede o Liceo de Ourense, poden contemplarse dende o 18 de novembro os arredor de 15 cadros de gran formato que compoñen “Morriña de estrelas”, unha mostra coa que a artista valdeorresa Lola Doporto volve encandilar ao espectador. E a súa visión pictórica das obras do Mestre Mateo, que, descubría, anos atrás na mesma cidade de Ourense, na súa catedral.
“Grazas ao Liceo por abrirme as súas portas e permitirme cumprir un dos meus soños. Empecei unha serie de exposicións co título “Saudade de soños” e vexo que agora vounos cumprindo”, dicía Lola Doporto (Millarouso, O Barco) no acto inaugural da exposición, que tiña lugar na tarde deste 22 de novembro. A creadora estaba acompañada, entre outras autoridades, polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, e polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O acto reunía a numerosas persoas, chegada dende Valdeorras e Trives, pero tamén de diferentes partes de Galicia. Ademais Doporto estaba arroupada pola súa familia, a quen agradecía publicamente o seu apoio, así como aos seus amigos e a todas aquelas persoas “que se teñen achegado para coñecerme e para coñecer a miña pintura”. Expresaba así mesmo a súa admiración polo Liceo, “un espazo sereno, con historia e cheo de historias”.
A elas súmanse agora os subxugantes relatos pictóricos de Doporto, cuxos personaxes dialogan a través de miradas, xestos e mesmo suxerintes sonoridades. Paseando entre os lenzos que compoñen “Morriña de estrelas”, o público, de seguro, quedará atrapado pola forza e maxia de personaxes como o bispo Teodomiro e o Paio de Libredón, representados con detalles, pero tamén deixarse levar pola evocadora sonoridade das pandereteiras no Campus Estellae e ata pola alma da tradición ourensá representada no afiador.
Personaxes que mesmo semellan saír do cadro e incorporarse á sala a través de catro maniquíes a tamaño natural, ambientados na etapa medieval. Dous deles visten, ademais, roupaxes antigos, con case un século de antigüidade, doados por Aurelio Blanco Trincado.
O acto inaugural da mostra, no que Lola Doporto era agasalla cun ramiño de flores por parte dos seus amigos da revista “Nós, a xente de arredor”, concluía cunha petistada, acompañada por viños brancos e tintos da Denominación de Orixe Valdeorras. “Morriña de estrelas” poderá visitarse no Liceo ata o vindeiro 30 de novembro.
Fotos e vídeo: O SIL.