O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe “a importancia da cultura e do patrimonio, ademais da dimensión espiritual, do Ano Santo” na presentación das principais liñas da programación organizada para o 2027 polo Arcebispado de Santiago de Compostela.
Así, o representante de Cultura, que estivo acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do comisario do Xacobeo, Marcos Gómez, participou neste acto en nome da Xunta de Galicia, mostrando o seu apoio ás iniciativas da Igrexa artelladas para celebrar un Xacobeo no que o Goberno galego ten posto o foco a moitos niveis, “desde o cultural ao turístico”, apuntou. Neste senso, aproveitou a cita para tender a man á institución relixiosa para “colaborar entre todos, Administración, Igrexa, sociedade civil e tecido empresarial, para que o 2027 sexa o gran ano da Galicia Calidade”.