OurenseÚltima hora

Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Duncan Dhu e La M.O.D.A., entre as propostas do OurenSound Fest

Un dos festivais destacados dentro dos 'Concertos do Xacobeo' celebrarase esta fin de semana en San Cibrao das Viñas

 

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e baixo a marca Concertos do Xacobeo, apoia unha nova edición do Ouren Sound Fest, que se consolida como “unha das citas musicais destacadas da primavera galega e un evento con capacidade para contribuír á dinamización cultural e turística de Ourense e da súa contorna”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación da cita que terá lugar esta fin de semana.

Xosé Merelles destacou o papel que desempeñan eventos deste tipo na proxección do territorio e na diversificación da oferta turística galega. “Galicia consolida unha oferta turística capaz de atraer visitantes fóra dos meses tradicionais de maior demanda. A través de Concertos do Xacobeo seguimos impulsando experiencias que reforzan a nosa posición como destino musical de referencia, ao tempo que contribuímos a distribuír actividade e oportunidades por todo o territorio”.

 

 

O festival, a primeira gran cita da temporada en Galicia, celebrarase entre os días 22 e 24 de maio de 2026 nun novo emprazamento situado no campo de fútbol do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, reforzando a súa aposta por continuar medrando. O cartel reunirá nomes destacados do panorama indie pop nacional como Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Duncan Dhu, La M.O.D.A., Siloé, Marlon, Niña Polaca, Alcalá Norte e Carlos Ares, xunto con propostas emerxentes como as galegas Abril. Ademais, o domingo ao mediodía, na praza do concello de Pereiro de Aguiar, terá lugar a función de A Tarabela Ambulante, da compañía galega Tarabela Creativa, un espectáculo teatral dirixido a público familiar.

Xosé Merelles sinalou que festivais como o Ouren Sound Fest permiten asociar a marca Galicia a experiencias culturais de calidade, xerando tamén dinamización económica e actividade en sectores vinculados ao turismo, á hostalaría e aos servizos.

 

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tamén participaba na presentación da XI edición do festival “o primeiro de Ourense e un dos máis importantes de Galicia” que cambia de ubicación mantendo a “mesma perspectiva”, poñer a Ourense como referente musical no campo de fútbol do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, escenario desta nova edición, contribuíndo así á descentralización da programación cultural cara ao interior de Galicia.

Este festival contribúe á dinamización cultural e económica do territorio, xerando un importante impacto económico con máis de 300 postos de traballo directos e indirectos e prioriza nun 90% aos provedores da provincia.

 

 

Ademais, o Ouren Sound Fest debe ser un “referente” porque estamos “no circuíto dos concertos xacobeos”, unha aposta da Xunta para promocionar o Camiño e, nesta ocasión, o da Vía da Prata que pasa polo municipio de San Cibrao das Viñas. Unha visión que encaixa nesa “prioridade” que ten este goberno provincial de impulsar esta ruta como “recurso turístico de primeiro nivel pola súa capacidade de crecemento”, explicou o presidente provincial.

Así mesmo, o presidente provincial destacou a importancia da cooperación público-privada para sacar adiante este evento que “vivín como anfitrión nas dúas últimas edicións e podo confirmar que é un festival que atrae non só a público de Ourense, senón tamén de Galicia e de diferentes puntos de España”.

Con esta nova edición, o Ouren Sound Fest contribúe a “promocionar o territorio” a través da arte, da cultura e da música e actuando como “motor económico” deste municipio. Polo tanto, Luis Menor felicitou ao organizador do Festival que demostra que desde Xunqueira se pode sacar adiante un proxecto desta envergadura que aposta por Ourense e agradeceu o reforzo económico da Xunta con este evento que será a antesala “dun ano 27 Xacobeo que romperá todos os récords”.

 

Back to top button