
«A panadería», é o novo libro dos ourensáns Lucía Belarte e David Lorenzo, unha fábula actual protagonizada por unha familia de lobos que, buscando onde dedicarse ao seu oficio como panadeiros, se mudan a unha pequena vila, onde terán que vencer o receo da veciñanza. O Espazo Lector Nobel (Santo Domingo, 66) de Ourense acollerá a presentación da obra -publicada por Kalandraka para nenas e nenos a partir de catro anos- o vindeiro sábado 28 de febreiro a partir das 18:30 horas. Os autores impartirán un taller creativo a partir das elaboracións que se atopan nas panaderías e tamén asinarán exemplares do libro, co que son candidatos aos Premios Follas Novas nas categorías de obra infantil e de ilustración.
Ao relato de Lucía Belarte, súmanse as ilustracións de David Lorenzo elaboradas integramente con grafito. “Son imaxes en branco e negro que destacan pola súa forza comunicativa, o detallismo dos personaxes e dos escenarios representados e a presenza de claves visuais que amplifican o valor do texto”, segundo destaca a editorial.
Fronte á desconfianza cara a quen é diferente ou de procedencia foránea, «A panadería» promove a tolerancia, a diversidade, a integración e a axuda mutua a prol dunha sociedade mellor. Aínda que a obra de Lucía Belarte e David Lorenzo se creou moito antes da dina que afectou a Comunidade Valenciana en 2024, nesta historia acontece un temporal que anega as rúas e as casas, mobilizando o pobo para limpar a lameira. A familia de lobos tamén se une a esa cadea solidaria, un xesto que logra cambiar a consideración negativa que lle tiñan.
Lucía Belarte e David Lorenzo estudaron Belas Artes, ampliaron a súa formación como ilustradores na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde e imparten clases no espazo artístico El Atelier, en Ourense. Entusiasta das letras, da cultura e da creatividade, Lucía Belarte enfocou a súa traxectoria como escritora de literatura infantil e xuvenil a través do álbum ilustrado. Precisamente, esta é unha das especialidades -canda a novela xuvenil e o cómic- de David Lorenzo, que ten publicado varios libros con textos de Lucía Belarte e doutros autores.