EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Lucía Pérez: “Sexamos únicos, como único e puro é o viño de Amandi e esta festa”

Esta cantante, natural de Góo (O Incio), daba este mediodía o pregón da XLV Feira do Viño de Amandi

 

Derradeira xornada e especialmente destacada na XLV Feira do Viño de Amandi, en Sober. Esta mañá tiña lugar o pregón da mostra, a cargo de Lucía Pérez, cantante natural do Incio, o Concello homenaxeado na Feira deste ano. Neste acto, presentado pola xornalista bolesa Manola Porto, estaba acompañada polo a alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, entre outras moitas autoridades como a subdelegada do Goberno en Lugo ou a conselleira do Medio Rural.

O rexedor destacaba que na feira deste 2025 “Sober rende homenaxe ás mulleres e homes que co seu traballo diario sacan adiante una nova colleita, puidemos compartir o viño coa paisaxe facendo realidade na praza do Concello o slogan do Consello Regular da D.O. Ribeira Sacra: O sabor dunha paisaxe”. Ademais, defendía que “a implicación colectiva de administracións e veciñanza fará que a ansiada declaración da candidatura ‘A paisaxe da auga da Ribeira Sacra’ a Patrimonio da Humanidade (a única de España en tres anos) sexa unha realidade en poucos meses”.

 

 

Fernández Guitián lembraba que a primeira Feira do Viño de Amandi celebrada hai 45 anos “trouxo consigo un importante incremento na valoración dos viños desta subzona da Ribeira Sacra”, pero tamén “a recuperación da Olería de Gundivós”. Así o explicaba en recordo de Obdulia Rodríguez, Lula de Campoverde, que “hai 45 anos fixo un par de fornadas para traer cacharros á feira” e que “faleceu hai poucos meses”. Tamén Alonso, Agapito, Ventura e Federico volveron á feira, pero “de non ter sido pola primeira Feira do Viño de Amandi, hoxe posiblemente esta tradición ancestral estivera unicamente no recordo”.

 

 

Pola súa banda, a pregoeira Lucía Pérez, natural da aldea de Góo (O Incio) referíase á Terra Brava de Ánxel Fole para explicar “que é realmente simbólico e ten un gran paralelismo coas terras de Amandi, pois a tradición vitivinícola en Amandi e Sober está moi vinculada a esa terra dura, brava, difícil e agreste, pero á vez única e de moita forza. Esa forza da terra reflictese, sen ningunha dúbida, na vosa autenticidade”.

Aludía a Sober como “un pobo aberto ao mundo” e tiña palabras de recoñecemento para “as mulleres coñecidas e anónimas, as mulleres que todos e todas levamos na nosa pel e que ben merecen unha canción”, como as adegueiras, a abadesa de Lobios a explotación gandeira López Lampaza, dirixida por mulleres ou a centenaria Lola da Pena de Gundivós, que fai 111 anos este mes.

 

 

Ademais, proseguía, “Sober é a forma da súa xente, a xente que a ama, naceran aquí ou non, pois é un pobo, aberto ao mundo. Un pobo que brila con ganas e combinar a tradición ca modernidade é a máis sabia aspiración que pode anhelar o ser humano. E exemplo diso é esta Ribeira Sacra, que ca súa riqueza paisaxística, ca viticultura máis que heroica e sendo un dos principais motores económicos que ten Sober, tivo que volver ás raíces para sobrevivir, expandirse e revindicar o seu propio carácter. ¡E aí está o éxito! sexamos únicos, como único e puro viño de Amandi e esta festa. Identidade de Sober que despois de 45 anos, segue máis viva que nunca”.

Por último, agradecía que o Concello de Sober sexa “un pobo xeneroso cos artistas da terra, dando as primeiras oportunidades” tan importantes nas carreiras dos artistas.

 

 

Despois do pregón, procedíase á entrega de premios da Cata oficial desta edición da feira. Os viños gañadores (todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o murciano Rubén Lucas García) son os seguintes:

Tinto xoven (son os tres gañadores):
– Cividade Mencía (Adega Cividade)
– Coronin’24 (A Carqueixa)
– Romeo Domain’24 (Adega Gullufre)

Mellor branco xoven:
Don Nilo’24 (Adega Tear)

Mellor rosado xoven:
Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo)

Mellor tinto barrica:
Prómine Barrica’23 (Adega A Petrón)

Mellor viño doutras colleitas:
Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum)

Os actos contaban coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo. María José Gómez puxo en valor as axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, que se convocaron esta mesma semana cun orzamento de catro millóns de euros.

 

 

Estas achegas teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable. Gómez sinalou que con elas procúrase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.

Así mesmo a conselleira poñía de relevo o bo facer dos viticultores da subzona de Amandi, que forma parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e que conta con preto de 200 hectáreas de viñedos e 300 viticultores que subministran uva a outras 28 adegas. Como cómputo xeral, Ribeira Sacra dispón no seu conxunto dunha superficie inscrita de 1.308 hectáreas, 2.000 viticultores e 97 industrias.

 

 

No ano 2024 esta DO rexistrou unha produción de viño de algo máis de 3,5 millóns de litro, cun valor económico estimado superior aos 21 millóns de euros. Así, salientou o traballo que realizan os profesionais do sector vitivinícola desta contorna, que contribúen ademais a conservar esta contorna paisaxística.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button