
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibía esta mañá no Pazo Provincial á nova alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez. Nesta primeira reunión institucional, Luis Menor felicitou á rexedora polo seu nomeamento e trasladoulle a plena disposición da Deputación para manter unha relación baseada no diálogo, na cooperación e na lealdade institucional en beneficio dos veciños de Viana do Bolo.
Durante o encontro, ambos os mandatarios revisaron o estado da colaboración entre as dúas institucións e analizaron as actuacións que se están a desenvolver tanto nas estradas de titularidade provincial, nas que a Deputación ten en marcha diversos proxectos de mellora, como nas vías de titularidade municipal.
Neste último ámbito, a alcaldesa trasladou ao presidente provincial diferentes solicitudes de colaboración para a mellora de vías locais, que serán estudadas pola Deputación co obxectivo de determinar as posibilidades de cooperación.
A reunión permitiu tamén abordar a recuperación dos núcleos afectados polas riadas. Luis Menor reiterou o compromiso da Deputación de asumir as actuacións que lle corresponden no ámbito das súas competencias, especialmente a reparación e posta en servizo, coa maior urxencia posible, dos viais provinciais afectados.
O presidente lembrou igualmente o traballo desenvolvido pola institución desde o primeiro momento, tanto nas estradas da súa titularidade como na limpeza dos núcleos damnificados, con actuacións en localidades como A Bouza e Pixeiros.

Preto de 2 millóns de euros neste mandato
No transcurso da reunión, Luis Menor puxo de manifesto o conxunto das actuacións impulsadas pola Deputación neste mandato en colaboración co Concello de Viana do Bolo, que supoñen unha achega provincial próxima aos 2 millóns de euros.
Estes fondos permitiron financiar diversas iniciativas e proxectos no municipio, entre os que destacan as melloras na rede viaria e a construción do novo campo de fútbol, unha infraestrutura na que a Deputación investiu preto de 400.000 euros.
Luis Menor reafirmou finalmente a vontade da institución provincial de continuar traballando co novo goberno municipal e de estudar as propostas formuladas polo Concello, mantendo unha cooperación estable que permita avanzar na mellora dos servizos e das infraestruturas de Viana do Bolo.
