
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, vén de manter unha reunión con Santiago Ferrer Sierra, novo responsable da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova, para revisar as liñas de colaboración que a institución provincial mantén coa entidade radicada en Portoquintela (Bande) e estudar as posibilidades de continuidade deste apoio.
Durante o encontro, no que tamén participou a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, analizáronse diferentes ámbitos de cooperación, entre eles a colaboración en novas escavacións arqueolóxicas e as axudas destinadas ao financiamento da Fundación, tanto para a organización de actividades como para os seus gastos de funcionamento.
Luis Menor destacou a importancia do xacemento para a provincia, ao constituír un espazo de referencia para coñecer e divulgar a súa historia e o seu pasado romano, así como un recurso de interese turístico para a zona. O presidente provincial referiuse tamén ao traballo desenvolvido durante os últimos anos ata chegar á situación actual do conxunto arqueolóxico e ao papel da Fundación na súa actividade cultural e turística. “O compromiso segue sendo total e estudaremos a posibilidade de incrementalo dentro das nosas posibilidades”, sinalou Luis Menor, quen cualificou o labor da entidade como “absolutamente capital no ámbito cultural e turístico para a provincia de Ourense”.
