En portadaÚltima horaVídeos

Luis Menor inaugura o VI Congreso Nacional da Muller Rural e reivindica o liderado feminino como eixo estratéxico do territorio

O presidente provincial destacaba que este congreso, que promove o Concello de Río, "non é un acto máis, senón unha declaración de principios", subliñando que falar de muller rural en Ourense "é falar da propia identidade do territorio"

 

O presidente da Deputación de Ourense participaba está mañá, xunto ao alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, no acto de inauguración do VI Congreso Nacional da Muller Rural, organizado por este Concello, onde puxo en valor o papel determinante das mulleres na cohesión territorial, no dinamismo económico e na sustentabilidade demográfica da provincia.

Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que “este congreso non é un acto máis, senón unha declaración de principios”, subliñando que falar de muller rural en Ourense é falar da propia identidade do territorio.

 

 

Menor fixo fincapé no significado de celebrar esta cita nun municipio “pequeno en poboación, pero enorme en dinamismo”, reivindicando o modelo de San Xoán de Río como exemplo de innovación e capacidade de xestión desde o rural. “O futuro non depende do código postal, depende da actitude”, afirmou, destacando que os pequenos concellos tamén poden marcar camiño e liderar transformacións.

Na súa intervención, lembrou que as mulleres representan máis do 54% da poboación rural e desempeñan un papel esencial na agricultura, no turismo, na transformación agroalimentaria, no comercio e na vida comunitaria.

 

 

“Sen mulleres non hai rural. E sen rural vivo, Ourense perde equilibrio, oportunidades e futuro”, sinalou, incidindo en que o debate sobre a muller rural é estrutural e estratéxico para a provincia.

 

 

Compromiso da Deputación co emprendemento feminino

O presidente reafirmou o compromiso firme da Deputación coa fixación de poboación, o emprendemento feminino, a modernización do sector primario e a dixitalización do territorio, apostando por políticas públicas que convertan o rural en sinónimo de oportunidade.

Ademais, agradeceu ás entidades organizadoras —AEMME e TuRepueblas— a elección de Ourense como sede desta sexta edición, cualificándoa como “un recoñecemento ao traballo que se está a facer na provincia”.

A xornada reúne e Trives, por iniciativa do Concello de San Xoán de Río, a representantes institucionais, expertas, emprendedoras e profesionais de distintos puntos do país para compartir experiencias e analizar retos e oportunidades do liderado feminino no medio rural. Entre os relatores estaban tamén alcaldesas da provincia, así como a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co relatorio A xestión dos residuos no rural, celebrado na Pobra de Trives.

 

A conselleira destacou que o rural galego é sinónimo de respecto ao medio ambiente e de conservación da contorna, polo que se trata dun importante aliado na loita contra o cambio climático. Nesta liña, e co fin de axudar aos concellos rurais a avanzar neste eido, dixo, a Xunta habilita todos os anos distintas liñas de achegas co fin de ofrecer os mellores servizos e consolidar a senda da sostibilidade.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
Back to top button