PolíticaÚltima horaVídeos

Luis Menor (PP) reclama na Rúa avances na A-76 e pide concentrar o voto no PP “para levar a Feijóo á Moncloa”

A cabeza de lista dos populares para o Congreso, Ana Belén Vázquez, sitúa a mellora das comunicacións e dos servizos públicos entre as prioridades de Ourense para a próxima lexislatura

 

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, reclamaba esta tarde de 18 de novembro, no mitin celebrado no Centro Cultural Avenida da Rúa, avances na autovía A-76 e melloras na N-120, e chamaba a concentrar o voto no PP o próximo 29 de novembro para “levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa”. Menor compartiu o mitin coa cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Belén Vázquez, e co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Menor reprochou ao Goberno de Pedro Sánchez a falta de avances na autovía entre Ponferrada e Ourense e cuestionou o mantemento da N-120. “Cantos quilómetros da autovía A-76 fixeron? Non licitaron nin un só metro, condenando a esta comarca a unhas comunicacións indignas para o seu peso económico e para a veciñanza”, afirmou.

 

 

O presidente provincial asegurou que o PP de Ourense seguirá defendendo as demandas da provincia se Feijóo chega á presidencia do Goberno. “A ninguén lle imos deixar a bandeira da reivindicación. Con Feijóo na Moncloa seguirá sendo así. Imos defender Ourense con lealdade, si, pero tamén con esixencia”, sinalou.

Menor advertiu de que “aquí non hai nada gañado” e pediu á militancia da Rúa que se implique na mobilización de cara ao 29N. “Ourense nunca lle fallou a Feijóo. E agora tampouco lle vai fallar”, engadiu.

 

 

As necesidades do rural

A cabeza de lista do PP de Ourense ao Congreso, Ana Belén Vázquez, participou no mitin da Rúa, onde o PP situou a mellora das comunicacións, o reforzo dos servizos públicos e un financiamento que teña en conta as necesidades do rural entre as prioridades da candidatura para a próxima lexislatura. E enmarcou estas reivindicacións “no compromiso de situar a vivenda, o emprego, os servizos públicos e as infraestruturas no centro da acción do Goberno”.

Pola súa banda, Xosé Merelles defendeu a escoita á cidadanía e a cooperación entre administracións. Salientou a boa sintonía entre a Xunta e a Deputación de Ourense e lembrou que o Goberno galego investiu “máis de tres millóns de euros en turismo en Valdeorras nun ano. Segundo apuntou, Valdeorras foi a comarca que máis medrou turisticamente o pasado verán”. Merelles defendeu que un Goberno do PP en Madrid permitiría estender esa colaboración á Administración do Estado.

O mitin na Rúa abríao o presidente do PP da Rúa, Avelino García, logo tomaba a palabra Xosé Manuel Merelles, a continuación interviña Ana Belén Vázquez e, pechaba o acto, o presidente do PP provincial, Luis Menor.

 

 

Termalismo en Outariz e propostas de emprego e retorno no Couto

Na cidade de Ourense, os candidatos ao Congreso, Ana Belén Vázquez e Roberto González, e a candidata ao Senado, Rosa Sánchez Gándara, reuníronse con expertos do sector termal en Outariz. Ambos trasladaron o compromiso de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e candidato ao Senado, de impulsar desde a Cámara Alta a incorporación do termalismo á carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde.

“Queremos que o termalismo sexa recoñecido polo seu valor sanitario e que os seus beneficios poidan chegar a máis persoas”, sinalaron os candidatos. González e Sánchez Gándara destacaron tamén a capacidade das termas para atraer visitantes, dinamizar a hostalaría e o comercio local e xerar emprego.

 

 

Reunión coa Asociación de Viúvas María Andrea

Nunha reunión coa Asociación de Viúvas María Andrea, o cabeza de lista dos populares ao Senado, Miguel Santalices, garantiu que o Goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo “incrementará as pensións acorde ao IPC real, acordeo ao custe real da vida”, reiterando a necesidade de “non facer caso dos bulos e noticias malintencionadas que pretenden meter medo ás persoas pensionistas”.

Acompañamento ás persoas migrantes

No Couto, o secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, e Rosa Sánchez Gándara participaron nun encontro na asociación veciñal do barrio centrado no emprego, na integración social e laboral e no emprendemento. Entre as propostas abordadas figuraron a formación en competencias dixitais e intelixencia artificial, o acompañamento ás persoas que chegan a Galicia e as medidas para facilitar o retorno e a incorporación laboral dos galegos do exterior.

No ámbito do emprendemento, o PP expuxo a súa proposta de suprimir a cota de autónomos durante o primeiro ano de actividade e ampliar a medida ao segundo para quen non alcance o salario mínimo. Tamén se abordaron a simplificación dos trámites e as bonificacións para facilitar as primeiras contratacións nos pequenos negocios.

Fotos: O SIL e vídeo.

 

 

Back to top button