Ata as zonas máis afectadas pola tormenta de onte no municipio de Viana do Bolo desprazábase esta tarde o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, para coñecer sobre o terreo a magnitude dos danos, coñecer de primeira man a realidade que están a vivir os veciños e tamén as súas necesidades.
“É unha incidencia dunha magnitude moi importante”, resaltaba Menor, matizando ademais que “primeiro tivemos que congratularnos de que non houbera danos persoais, vidas perdidas, porque a situación si o puido ocasionar. E esa resposta que se lle deu fixo que, por sorte, se evitara iso. Agora o que temos que facer é restituir inmediatamente as condicións de vida da veciñanza e para iso actuamos de xeito rápido e coordinado, escoitando aos veciños, as súas peticións máis urxentes, as demandas que teñen, non só de cara agora ao presente, senón incluso de cara a medio e longo prazo porque esta magnitude pon de manifesto moitísimas accións a realizar e algunhas son a longo prazo”.

Tamén explicaba o presidente provincial cal foi a actuación da Deputación de Ourense nesta emerxencia. “As noticias comezaron na tarde-noite de onte, eran dunha magnitude importante e dese xeito determinaron a resposta, que foi articulada de xeito rápido e coordinado. Coordinada a través do Cecopi, que como sempre montou a Xunta de Galicia, e no que estamos representadas todas as administracións. E xa puxemos todos os medios a disposición da veciñanza e da administración coordinante que era, neste caso, a Xunta. Fixemos a distribución de tarefas, atendendo en primeiro lugar, ás nosas competencias, ás vías provinciais para intentar deixalas libres, aínda que temos unha cortada, que aínda vai durar así, para facilitar os accesos ás aldeas”.
Menor comentaba así mesmo que dende a Deputación se actuou, inicialmente, para favorecer “a mobilidade da veciñanza porque había localidades con accesos cortados e graves situacións de inundacións e de afectación a distintos bens. Esta tarde puidemos comprobar como evolucionou toda esa resposta e a magnitude desta resposta. Sobre o terreo comprobamos como as brigadas da Deputación estaban levando a cabo un traballo, non só nas vías de titularidade provincial, senón fundamentalmente nas aldeas afectadas, como na Bouza. E comprobando ese alcance dos danos, repoñendo servizos esenciais como pode ser o abastecemento de auga, avaliando as actuacións inmediatas e tamén brindando toda a axuda aos veciños”.

