
De cara a poñer en marcha novos servizos, plans e programas “é imprescindible coñecer o territorio e as súas xentes, esta é unha das máximas que vou cumprindo xunto co meu equipo”. A presenza no territorio da provincia da Deputación de Ourense é unha das liñas polas que está apostar no seu mandato Luis Menor, tal e como apuntaba no balance da súa xestión que realizaba esta mañá no Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil, acompañado do seu equipo de goberno.
“A esta actividade por toda a provincia compre engadir outro compromiso que asumín, como foi prestar especial atención á comarca de Valdeorras, facémolo dende a Casa Grande de Viloira (O Barco), onde grazas á colaboración da Xunta de Galicia, dispoñemos dende setembro de 2023, practicamente despois de tomar posesión, da primeira sede da Deputación de Ourense fóra do Pazo Provincial, nesta sede, canalizamos a voz de toda a comarca, recollendo, con visitas periódicas, o sentir do mundo municipal e dos ámbitos económicos, sociais, cultura ou deportivo, sempre coa inestimable axuda da nosa deputada delegada por esta zona, María Carmen González”, dicía Menor no seu discurso.
Consorcio de Augas de Valdeorras e proxecto Ruagua
O presidente da Deputación de Ourense poñía en valor iniciativas que se están a desenvolver na comarca como a colaboración para transformar a EDAR da Rúa nunha estación rexeneradora de auga para outros usos non domésticos, a través do proxecto Ruagua, “que transformou estas instalacións nunha estación que poida xerar entre 50 e 300 m3 diarios de auga para rego de zonas verdes e viñedos, baldeo de rúas ou loita contra os incendios reducindo o estrés hídrico co municipio”.
Luis Menor subliñaba que “para este goberno provincial é un motivo de satisfacción que Valdeorras lidere as iniciativas relacionadas cunha mellora na eficiencia do ciclo da auga, con solucións positivas para o medio ambiente e dende o punto de vista económica, de feito, Valdeorras é a única comarca da provincia que ten un consorcio de augas, unha organización que permite dar resposta á comarca fronte aos retos actuais e futuros da xestión da auga”.
Nesta mesma liña, Menor anunciaba que “estamos a traballar para ver como exportamos a outras comarcas da provincia o modelo de xestión do ciclo da auga que rixe no Consorcio do Servizo de Augas de Valdeorras, unha organización que permite dar respostas á comarca fronte aos retos actuais e futuros na xestión da auga”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: O SIL.
