PolíticaÚltima hora

Luís Seara será o candidato do BNG á alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de 2027

A proposta presentada polo actual concelleiro-portavoz dos nacionalistas no Concello de Ourense foi ratificada por aclamación da Asemblea Local

Cedida.

 

Xosé Luís Seara Fernández, nado en Ourense en 1964 e diplomado en Maxisterio, será o candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense nas eleccións municipais previstas para o 23 de maio de 2027. O actual concelleiro-portavoz obtivo o respaldo unánime da militancia da Organización para encabezar unha candidatura “coas máximas aspiracións”.

Logo de iniciar o proceso interno hai algunhas semanas para a elección do candidato ou candidata, a militancia do BNG reunida este luns en asemblea local, ratificaba a proposta encabezada por Luís Seara. Desde a formación nacionalista destacan a traxectoria de Seara como un dos seus mellores avais. 

Luís Seara presentouse por primeira vez nas eleccións municipais de 2019 logo de que a formación nacionalista ficara fóra da Corporación municipal en 2015 e con el de candidato, o BNG conqueriu dúas actas, a súa propia e a de Rhut Reza. Repetiu en 2023 e os resultados dobraron aos anteriores, ademais de Luís e Rhut, incorporáronse ao Grupo municipal, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco e os nacionalistas quedaron a menos de 200 votos da quinta acta.

De cara ás eleccións de 2027, o BNG non soamente agarda incrementar o seu número de Concelleiros e Concelleiras e polo tanto o número de votos senón que a aspiración e o obxectivo é “acadar a Alcaldía e gobernar a cidade de Ourense”.

A militancia puxo en valor a longa experiencia política de Seara, o seu coñecemento profundo do Concello, a súa proximidade á veciñanza así como o rigor e a seriedade no traballo, alén de representar e defender con exemplaridade os intereses xerais e os principios e valores da propia Organización. 

O candidato amósase “moi feliz e orgulloso de contar co respaldo e co apoio das compañeiras e compañeiros para liderar de novo unha candidatura, na que xa me acompañan 13 persoas que xa adianto, van dar moito que falar pola súa solvencia, polos seus perfís e porque son persoas plenamente comprometidas e coa clara vocación de gobernar o Concello de Ourense e facer que as cousas cambien, xa que é preciso mudar o rumbo, mudar as formas e recuperar o orgullo e a dignidade da institución”.

Seara amósase ilusionado e con moita forza “para encabezar un proxecto que estou seguro é o que Ourense precisa. Quero ser Alcalde pois cómpre cambiar para avanzar e no BNG estamos en disposición de encabezar e dirixir dito cambio”.

Back to top button