ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Luisa López: “Quero que este acto sexa un agradecemento a vós: empresarios e amigos, que crestes en AEVA dende o principio”

A xerente da Asociación Empresarial de Valdeorras durante case 35 anos recibía unha sentida e emotiva homenaxe por parte desta entidade con motivo da súa xubilación

 

Ten sido ao longo de case 35 anos a alma da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Sentido do asociacionismo, tesón, constancia, dedicación, empatía, cordialidade… Son algunhas das palabras que se lle dedicaban a barquense Luisa López Cruz, ata agora xerente desta entidade, con motivo da homenaxe e acto de agradecemento que se lle tributaba na noitiña do 18 de outubro con motivo da súa xubilación e xa na parte de clausura da asemblea anual de AEVA, na Adega Roandi (Éntoma, O Barco). É a “historia viva da asociación”, dicía a actual presidenta da entidade, Araceli Fernández, que compartía intervención xunto a dúas persoas que se lle precederon nese cargo: María Carmen Rodríguez e Javier Rodríguez.

“Botando a vista atrás vemos que pola presidencia pasamos catro persoas, Carlos, o noso mentor, que impulsou o arranque da asociación xunto coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO), ao seu carón Luisa, logo pilláronme a min, unha muller de pouco máis de 30 anos e ao meu lado estivo Luisa, logo Santiago Melo, Javier, Araceli e sempre Luisa á nosa beira, orientándonos ao chegar e, unha vez que xa o tiñamos todo controlado, seguía aí”, dicía María Carmen Rodríguez.

 

 

Lembraba que lograr reunir aos socios de todos os sectores, non era doado, pero desas xuntanzas xurdían interesantes ideas como traer para Valdeorras cursos de formación. “É moi difícil resumir todos estes anos, foron moitas guerras, moitas actividades… Volvendo a vista atrás vexo a Luisa comos e fose o eixo sobre o que pivotou a asociación. Moitas grazas pola túa dedicación e nesta nova vida que empezas, desexámosche o mellor”.

Pola súa banda, Javier Rodríguez, expresáballe tamén o seu agradecemento en nome de todos, mentres que Araceli Fernández concluía resaltando a súa capacidade de observación e de saber escoitar. “Ten unha bagaxe e un sentido do asociacionismo, co que iso significa e como levalo a cabo. E logo a súa empatía, con cinco presidentes moi diferentes, levouse ben con todos, iso é tamén unha maneira de traballar. Ten esa capacidade de conectar coa xente, cos proxectos, de escoitar e aprender constantemente. Dende o punto de vista persoal, atopei unha gran amiga, é unha persoa que enriquece. Estás na túa reforma, desfruta da túa nova vida”.

 

Finalmente, tomaba a palabra Luisa López, acompañada neste acto por familiares, amigos, membros da asociación, representantes da CEO e tamén diversas autoridades, entre elas o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, ademais de alcaldes da comarca e da deputada provincial valdeorresa, María Carmen González.

“Quero que saibades que este recoñecemento só vén a reiterar que os que me acompañástedes nestes 34 anos me demostrabais cada día, confiando no meu traballo e deixándome facer. Así que quero que o acto que aquí nos reúne sexa un homenaxe a vós: empresarios e amigos, que dende os inicios de AEVA crestes no proxecto e implicástevos con total compromiso. O meu sinceiro agradecemento aos que estades aquí, aos que non poden estar, aos presidentes e membros das distintas xuntas directivas, aos medios de comunicación, ás institucións e aos compañeiros cos que compartín as tarefas de xestionar AEVA. Todos me déstedes a oportunidade vivir momentos moi especiais”.

 

 

Tamén tiña unhas palabras especiais para a súa familia, en concreto para o seu marido Toño e a súa filla Candela, “que souberon entender a miña dedicación á asociación, que soportaron os meus intensos horarios e que durante todo este tempo apoiáronme e e estiveron ao meu lado”.

 

 

Ademais, en nome de Santiago Melo, presidente de AEVA falecido hai uns anos, a súa familia dedicáballe tamén unhas palabras “o noso máis sinceiro agradecemento polos teus anos profesionais con Santiago, que sempre te tivo en gran estima”, acompañadas dun ramo de flores. O acto, presentado por Raquel Cruz, remataba coa entrega dun agasallo a López Cruz.

Fotos e vídeos: O SIL.

Ampliarase información e fotos sobre a asemblea de AEVA e sobre a súa clausura.

 

 

Back to top button