
“Afastada da música, a poesía terminou por volverse a si mesma e preguntarse que cousa é”
O outro lado da música, a poesía (A Nosa Terra, 1999)
Neste ano, a poeta Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) vén engrosar a reducida nómina das cinco mulleres escritoras homenaxeadas polas nosas Letras na que se distinguiron ata o de agora: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021). O dato é ben indicativo de que faltan máis mulleres das nosas Letras en relación con diferentes períodos literarios.
Licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada superior en violín polo Conservatorio da Coruña, Villalta realizou a simbiose perfecta de unir as letras á música, e precisamente desde o outro lado da música foi percorrendo o camiño da escrita.
A súa traxectoria formativa veu dar en tres facetas principais: a docencia, a música e a escrita, que ao longo da súa vida estarán ligadas e unidas ao compromiso que tamén amosou con diversas iniciativas conectadas coa cultura de noso.
Como docente titular de Lingua galega e literatura no ensino secundario imparte clases no IES Xosé Neira Vilas de Oleiros, no IES Canido de Ferrol e no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, o que sería o seu derradeiro destino e onde deixaría unha pegada imborrable no seu alumnado tras unha ducia de anos de maxisterio. Porén, este paso por este último centro, non ficaría só nunha mera lembranza para os seus discentes e froito disto é a homenaxe, a carón doutras varias iniciativas, Luísa Villalta: muller de música e poesía (2020), coordinada polo seu exalumno Rubén Anido Regueiro que fai alusión ás súas calidades como ensinante:
“Fuches ti, Luísa, quen nos deu a coñecer os nomes ignorados de tantos e tan bos sadenses ilustres –“parece mentira que non saibades nada da vosa vila”, soías dicir, cunha recriminación leve acompañada dun sorriso–, e desde entón os nomes de Lugrís Freire, dos irmáns Suárez Picallo, de Ricardo Flores e de tantos outros foron ancheando o noso horizonte; en consecuencia, tornouse imprescindíbel desde entón permanecer á espreita das palabras e dos feitos destes homes, reunidos baixo o paraugas dun galeguismo sempre novo e sempre axexante” (…) (Anido Regueiro, 2020: “Elexía máis aló de todo tempo: Luísa Villalta”, en Luísa Villalta: muller de música e poesía)
Como música, logo de rematar a formación universitaria acaba a súa preparación neste eido e os seus dotes especiais para esta arte lévana a formar parte como recoñecida violinista do grupo de folk Escaino con 23 anos; a ser integrante da Orquestra de Santiago de Compostela con 28 e pouco despois a ser membro da Xove Orquestra de Galicia, á par da súa participación en diversos grupos de cámara galegos.
Como escritora agasallounos con títulos de poesía, narrativa, teatro, ensaio, amais de ofrecernos diversas colaboracións xornalísticas, achegas en obras colectivas e mesmo incursións no eido da tradución literaria con dúas obras anosadas do italiano: Manifesto por un novo teatro (1994) de Pier Paolo Pasolini, e A Mandrágora (1998) de Niccolo Macchiavelli, que verteu conxuntamente con Francisco Pillado. No entanto, a súa morte prematura aos 46 anos fixo que a súa obra quedase estancada antes de tempo e que o seu legado non continuase; produción literaria que de ter continuado hoxe sería moi enriquecedora pola súa versatilidade.

No tocante á escrita lírica, a súa figura cronoloxicamente encádrase na Xeración dos autores dos 80 que promoveron a renovación da poesía galega, e onde destacan outros coetáneos seus como Xosé María Álvarez Cáccamo, Xela Arias, Manuel Forcadela, Pilar Pallarés ou Antón Reixa nunha longa listaxe. No tocante ao tratamento temático, este grupo de escritores emerxen na creación poética cun xiro substancial nos motivos que tratan: o paso do tempo, a morte, a dor, a reflexión metaliteraria ou o amor concibido como erótico e trascendental. Así e todo, a voz de Villalta é tamén a voz poética do compromiso social, o eu lírico que pon nome á denuncia e ás inxustizas, o eu transmisor do que foi unha muller acorde ás vivencias do seu tempo.
A súa produción poética concretamente sitúase na década dos 90 e comezos do séc. XXI, e foi no xénero lírico onde máis contribucións achegou e polo que consecuentemente pasaría a ser máis recoñecida. Música e poesía camiñaron da man ao longo do percorrido da autora cos títulos Concerto para un home só (1989), obra teatral e a súa primeira publicación; Música reservada (1991), poemario co que se inicia ou o ensaio O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega (1999), que destacou pola súa orixinalidade.
E é precisamente neste ensaio acabado de nomear onde cómpre detérmonos polo seu interese, O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega (A Nosa Terra, 1999), reeditado co título O outro lado da música, a poesía (Galaxia, 2021), ofrécenos esa relación intrínseca da música e a poesía no decorrer da historia da literatura de noso. Desde esa percepción convídanos a facer unha lectura atenta da poesía galega procurando nela a presenza substancial da música dende a Idade Media ata as Irmandades da Fala e a época Nós.
No comezo, a poeta coruñesa detalla como a música se foi convertendo en poesía e fai mención a dúas mostras relevantes da literatura e da música galegas: as cantigas e os vilancicos. Asemade, recoñece a dificultade para atopar a música que acompañaba as creación medievais das cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir, dado que salvando as sete composicións de Martín Codax do pergamiño Vindel e algunhas de El Rei Don Dinís do pergamiño Sharrer, escasamente hai outra música ca a que representan as Cantigas de Santa María, mais xa en relación con outro ámbito.
Nun seguinte apartado “Os instrumentos da tradición. A música na construción dos símbolos patrios durante o Rexurdimento”, elo substancial do ensaio, transmítenos xa esa idea do diálogo constante entre a poesía e a música como elemento de reivindicación que viña de vello: “Cando en 1863 Rosalía publica os Cantares Gallegos todo este entramado simbólico no que se relaciona o canto e a música popular co idioma e, en xeral, coas reivindicacións patrióticas constituía xa un terreo ben sementado. De feito, segundo as súas propias palabras, a autora toma exemplo de Antonio Trueba, seleccionando cantares populares sobre os cales constrúe unhas extensas glosas poéticas como o autor fixera noutro idioma”.
Os seguintes apartados gardan relación coas formas da nova música e céntranse no poema sinfónico Poema en catro tempos (1931) de Blanco Amor, que continuaría a tendencia vangardista do creacionismo de Manuel Antonio. Así mesmo, nas obras Mar ao Norde (1932), Poemas do si e do non (1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933) de Cunqueiro, que situarían o autor mindoniense na tendencia neotrobadorista das cantigas do primeiro terzo do séc. XX, con base na tradición lírica medieval.
E seguidamente, no conxunto musical dos Seis poemas galegos (1935) de Federico García Lorca, onde tamén queda reflectido a presenza da música na poética do autor a través do propio nome das súas composicións, lírica que xurdiría froito das viaxes que o autor granadino realiza a Galicia e debido á admiración que sente por esta terra e os seus escritores.
De relevancia son tamén os artigos “A Música e Nós” (2002); “Poética sobre un certo estado de conciencia” (2002) ou “A lingua dos sons” (2003), onde aborda a conexión entre a palabra e a música e a súa experiencia persoal nos momentos de creación.
Esta unión natural da música e da poesía por parte da autora coruñesa tamén sería recollida en títulos actuais como: Luísa Villalta. A música e a poesía na mesma persoa (Rajó Pazó, 2024), onde queda claro o seu papel no panorama da historia da literatura galega: “ (…) marabillosa poeta comprometida socialmente cos e coas máis débiles, que centrou gran parte da súa ollada nas mulleres (…), muller que partillou coas súas amizades o seu crecemento como escritora, á que non se lle resistiu ningún xénero. Muller crítica, agradábel polemista, feminista e de claras conviccións á que homenaxeamos este 17 de maio”.
Luísa Villalta, a poeta da Cidade Alta, como ela lle adoitaba chamar á Coruña, espazo inspirador no conxunto da súa produción e ao que dedicou amplos versos no poemario En concreto (2004) e Papagaio (2006), despediuse silandeiramente. Fíxoo desde ese lugar onde “Nada deixa o vento e nembargantes amaba, esa Cidade tatuada na pétrea pel do mar”, a causa da enfermidade e compasando os versos ao son da sutís melodías.
E o oráculo da música reservada viuse entón cumprido para a que foi escollida “Señora das Letras 2022” e “Escritora das Letras 2024”: “E ficaremos sós / mar e silencio. / Cando a noite me veña desvendar / con amor prometido e demorado / estes ollos que ollaron tanto nada, / as follas que caíron ao meu pé / serán pisadas. / E a ausencia cumprirá o seu oráculo / cando a noite sexa o fundo / cando o mesmo mar a noite, / e o silencio / diga a última palabra” (Música reservada, 1991).
Neste ano, dúas décadas após o seu pasamento, é preciso que lembremos a Luísa Villalta coa mesma paixón, intensidade e talento que ela depositou en cada unha das súas obras e en cada unha das accións de compromiso cultural e social que levou a cabo, e como non, baixo o son que pautan as cordas do violín.