Xa pode visitarse na Casa da Cultura de Quiroga “Líneas Exquisitas”, unha exposición de debuxo da artista Luz Moscoso, natural de Ribas de Sil. A exposición que se presentaba o 31 de marzo, e á que acudía o alcalde José Luis Rivera, poderase visitar ata o 3 de maio.
“Líneas Exquisitas “ está formada por unha serie de obras basicamente abstractas cunha técnica aparentemente sinxela: trazar liñas paralelas a pulso. Os debuxos a rotulador negro calibrado sobre papel branco ou beige, maioritariamente acuarela 300 gr. e papel multitécnica, 160gr. Só un par de obras están feitas con rotulador Edding 1200.
Para a súa realización a autora desbotou o bosquexo, lapis, goma, medios informáticos, plantillas, copia de imaxes ou outras ferramentas. A maioría das imaxes son abstractas pero algunhas evocan elementos naturais da vida real, noutras parecen formas biomórficas nas que o ritmo dos trazos crea sensación de movemento, quizá con influencia da obra de Hans Arp, segundo a artista.
Luz Moscoso ten formación en artes plásticas, en concreto na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, teatro (Aula Universitaria de Pontevedra e de Ourense ) e dereito ( licenciada pola Universidade de Santiago).
Fotos: RTM Quiroga.