
O Concello de Ourense avanza outro gran concerto dentro do programa das Festas de Ourense 2026. O grupo M-Clan actuará o xoves, 18 de xuño, xunto ao Pavillón dos Remedios, nun concerto con entrada gratuíta.
O popular grupo de rock, un dos máis icónicos do panorama nacional, inclúe Ourense como parte da xira especial coa que celebrará o seu 30 aniversario. M-Clan súmase así a Miguel Ríos como parte da programación das festas grandes da cidade.
O grupo murciano liderado por Carlos Tarque, volverá en 2026 aos escenarios para celebrar “trinta anos de música, estrada e moito rock”. Segundo avanzan nas súas redes sociais, “repasaremos grandes cancións, compartiremos momentos e, sobre todo, faremos o que mellor sabemos: dalo todo en directo”.
M-Clan é un dos grupos de rock máis populares e recoñecidos do panorama nacional, autor dunha chea de éxitos e cancións que forman parte da historia do rock español e recoñecido por ofrecer un dos mellores espectáculos en directo no seu estilo que se poden desfrutar na actualidade.