
Tempo despois de volver á pequena e remota aldea dos seus avós, onde agora leva unha bucólica e sosegada vida, Hugo ve como unha serie de estraños e misteriosos sucesos ocorren na tranquila vila da Pobra de Trives, en pleno Macizo Central Ourensán. Que malvado personaxe axexa outra vez entre as sombras do tranquilo pobo? Quen é o home que xoga con vantaxe e que coñece todas as cartas que hai na partida? Que estraña historia do pasado volve atrapar a Hugo? Conseguirá esta vez encaixar todas as pezas no taboleiro e resolver o enigma?
Son algunhas das preguntas ás que dá resposta Aquel secreto que nubla tu conciencia, a segunda novela de Maikel Núñez, barcelonés con ascendencia familiar na Pobra de Trives. Un novo thriller ambientando na vila trivesa que volve poñer ao protagonista no centro do misterio dunha antiga reliquia, e que, malia poder lerse de maneira independente, dá continuidade á historia de “Hugo e o Capitán Quiroga” que empezou en 2021 coa publicación de Una oscura sombra del pasado (Autografía), a primeira novela do autor que tivo moi boa acollida.

Asasinatos, secuestros, roubos e fuxidas sucédense nesta segunda obra mentres Hugo, axudado pola experiencia de Quiroga, un Garda Civil retirado que se resiste a cambiar de vida, e algúns dos seus amigos, tratan de resolver, envoltos nunha escura e perigosa trama, a verdadeira historia dunha importante e valiosa reliquia, ambientada novamente na Pobra de Trives, pero tamén noutros escenarios como Ourense, Vilariño de Conso, Quiroga ou O Barco de Valdeorras.
O libro, publicado pola Editorial Autografía no mes de abril deste 2025 está dispoñible en librarías así como en plataformas de compra por internet, en formato físico e, aproveitando as vacacións das que Maikel está a desfrutar en Trives, non descarta realizar unha presentación aberta ao público similar á anterior que tivo lugar no patio da Casa Grande.