Un orzamento de algo máis de 120.000 euros irá destinado a financiar diferentes actuacións e proxectos dentro do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), algunhas delas xa en execución e outras a impulsar entre este ano e 2026.
Durante unha visita a este espazo protexido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que os traballos previstos enmárcanse no plan integral de acción para a posta en valor e mellora da Rede galega de parques naturais, un conxunto de medidas impulsado polo seu departamento co fin de contribuír á súa preservación e conservación, ao tempo que se dá a coñecer o seu papel como elemento clave para incrementar a resiliencia de Galicia fronte ao cambio climático e os seus efectos. Neste visita estaba acompañada, entre outras autoridades, pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz; así como polo alcalde de Rubiá, Elías Núñez, e polo seu tenente de alcalde, Ignacio Doce, entre outra autoridades.
Tras indicar que o plan abrangue os seis parques naturais da comunidade e mais o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a responsable autonómica avanzou as principais actuacións programadas na Serra da Enciña da Lastra.
En concreto, anunciou que este ano se executarán diversas actuacións silvícolas (incluíndo rozas, podas e plantación de novos exemplares) para avanzar na recuperación e mellora do estado dos hábitats de soutos e aciñeirais, tan característicos deste parque.
Neste sentido, cómpre subliñar que esta zona atesoura bosques dominados polo castiñeiro que ocupan importantes extensións da superficie total do parque. Así, tendo en conta as características intrínsecas dos soutos e a súa condición de hábitat seminatural de interese comunitario, realizaranse traballos para a recuperación ambiental mediante tratamentos silvícolas que axuden á rexeneración natural destes espazos, cun investimento de 50.000 euros.
Outro dos proxectos previstos para este ano é a elaboración dun catálogo da macromicobiota do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, que estudará os fungos filamentosos deste espazo protexido, dos que case non se teñen realizado estudos. A información inventariada servirá para avanzar no recoñecemento da biodiversidade deste espazo protexido e tamén para facer aportacións ao catálogo da macromicobiota da provincia de Ourense e de Galicia.
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu aos principais traballos executados recentemente neste mesmo espazo natural. En concreto, puxo en valor a renovación da área de lecer da contorna do centro de visitantes, coa colocación de novos valados e mesas e un investimento realizado de 16.000 euros, e tamén a recuperación dos muros de mampostería nesta mesma zona da Nogal, na parroquia de Biobra, uns traballos executados polo Concello de Rubiá grazas a unha axuda da Xunta de 40.000 euros.
Neste sentido, sinalou a importancia deste parque natural desde o punto de vista da flora e da fauna —de feito, é o que ten maior número de aves nidificantes (máis dun centenar)— e confiou en que grazas ao plan integral que impulsa o seu departamento, se dea a coñecer aínda máis entre galegos e visitantes.
18,5 M€
Cun investimento de 18,5 millóns de euros para o período 2024-2026, o plan integral para a rede galega de parques naturais está conformado por una trintena de actuacións entre investimentos, obras, proxectos de investigación, ordes de axudas e proxectos nos seis parques naturais e no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Nel inclúense tanto accións puntuais para cada un destes espazos como outras medidas transversais que beneficiarán ás sete zonas protexidas e incidirán na sinalización, na divulgación e coñecemento sobre os seus principais valores e na mellora ambiental e paisaxística, entre outras cuestións.
Fotos: Carlos G. Hervella.