
O Auditorio Municipal de Verín acollía, na mañá deste sábado 19 de setembro, o XXII Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella en Ourense, unha cita anual que reuniu a persoas voluntarias de toda a provincia nunha xornada de convivencia, recoñecemento e intercambio de experiencias.
Ao acto institucional asistiron representantes das diferentes administracións públicas, así como responsables da organización e autoridades da comarca. A inauguración correu a cargo de Gonzalo Hervera, presidente comarcal en funcións de Cruz Vermella en Monterrei, e de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín.
“O voluntariado representa unha das expresións máis valiosas do compromiso coa comunidade. As administracións temos a responsabilidade de poñer en marcha recursos, servizos e políticas que melloren a vida da cidadanía, pero nunca poderemos substituír algo tan profundamente humano como acompañar, escoitar e tender a man a quen o necesita. Para Verín é un orgullo acoller este encontro e contar con persoas que deciden non permanecer indiferentes ante as necesidades dos demais”, destacou o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo.
O presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, destacou durante a súa intervención o valor do voluntariado como motor de transformación social e agradeceu o compromiso das persoas que colaboran día a día nos proxectos da organización, contribuíndo a dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables da provincia.
O encontro serviu tamén para visualizar iniciativas de impacto social e ambiental desenvolvidas na comarca, entre elas a reforestación de máis de 12 hectáreas realizada en Guimarei, no Concello de Monterrei, así como para poñer o foco na importancia da acción local e o seu impacto a nivel global.
Recoñecementos ao voluntariado

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a entrega dos Recoñecementos á Acción Voluntaria, conducida por Javier Manteiga, secretario provincial de Cruz Vermella en Ourense. Nesta XXII edición do Encontro, Cruz Vermella entregou oito Diplomas de Recoñecemento á Acción Voluntaria e cinco Medallas de Bronce, para distinguir a traxectoria, o compromiso e a dedicación de persoas voluntarias das diferentes asembleas da provincia.
Medallas de Bronce: Pablo Mosquera Otero, Gonzalo Hervera Mené, María del Pilar Vega Sánchez, José Manuel Araujo Dacosta e Manuela Dorado Domínguez.
Diplomas de Recoñecemento á Acción Voluntaria: Sandra Hoyos, Nieves Lara López, Alfredo Aguiar Pérez, María Montserrat Iglesias Pena, Xoan Carlos Luis Fernández, María Milagros Penín Quintas, Luis Javier Fernández Vedo e José Manuel Cortizo Estévez.
A xornada estivo marcada por distintos espazos culturais, presentados polo xornalista, locautor e actor de dobraxe, Carlos Reboreda, tamén voluntario de Cruz Vermella. A actuación musical inicial estivo a cargo de Carmen Villabril Álvarez, cantante lírica, e Ría Garrido Ruíz, pianista do Conservatorio de Verín. Ademais, o programa incluíu un tempo dedicado ao Entroido da comarca de Verín, coa participación de Rebeca André Estévez e José Carlos Cabido Sabariz, que achegaron ás persoas asistentes unha mostra dunha das tradicións culturais máis representativas da provincia. O encontro rematou cunha actividade participativa dinamizada por Lismar Nauyoli Peña Fernández, voluntaria da asemblea comarcal como monitora do Obradoiro de baioteriapia para persoas maiores no rural.
Entre as autoridades que asistiron ao acto institucional, figuran Eladio Santos, subdelegado Goberno en Ourense; Jorge Pumar Tesouro, director territorial de Economía e Industria da Xunta; José María Lago, deputado provincial; José Luis Suárez, presidente da Mancomunidade de Verín; Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Tomás Álvarez Diéguez, subinspector da Policía Nacional adscrito á Unidade de Estranxeiría; Luciano Cuquejo, alcalde de Cualedro; así como representantes dos comuneiros de Guimarei.