
Máis de 170 nenos e nenas da Ludoteca Municipal e do Campamento Urbano do Concello de Verín participaron hoxe nunha divertida xornada temática dedicada ao San Fermín, unha actividade enmarcada na programación estival dos servizos municipais de conciliación familiar.
Vestidos coa tradicional indumentaria branca e coa característica pañoleta vermella, os participantes recrearon o ambiente festivo desta popular celebración nunha mañá chea de xogos, diversión e convivencia.
A programación arrancou co tradicional pregón e o simbólico chupinazo, que marcaron o inicio dunha xornada na que os máis pequenos desfrutaron de numerosas actividades, entre elas estacións de xogos de auga e un inchable acuático, convertidos nos grandes protagonistas da mañá debido ás altas temperaturas.
A iniciativa forma parte da programación especial que o Concello de Verín desenvolve durante o verán a través da Ludoteca Municipal e do Campamento Urbano, dous servizos impulsados para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares. Ambos programas ofrecen ás familias unha alternativa educativa, segura e de calidade, ao tempo que permiten aos nenos e nenas participar en actividades adaptadas ás súas idades.
Ao longo do período estival, os participantes continuarán desfrutando dunha ampla programación de propostas lúdicas, deportivas, culturais e ambientais, deseñadas para fomentar a convivencia, a creatividade, os hábitos de vida saudables e o coñecemento de diferentes tradicións e celebracións populares.
