Hoxe as persoas que viaxan fanno para vivir experiencias auténticas e para enriquecerse persoalmente, por iso a forma na que se vive un destino turístico ten mudado totalmente. Nese senso, Valdeorras-Trevinca é un xeodestino galego que ten moito que ofrecer nese senso. Así se demostraba no acto de presentación do proxecto ” Ecoexperiencias do Xeodestino Trevinca-Valdeorras”, que tiña lugar esta mañá na adega Roandi de Éntoma (O Barco).
Dende alta montaña e apicultura tradicional, arte e natureza, retiros con alma, sabores, observación astronómica, bosques míticos e antigas pinturas rupestres, pasando por visitas a unha granxa escola, catas e mesmo a posibilidade de sentirse coveiro por un día. Son algunhas das máis de vinte Ecoexperiencias do Xeodestino Trevinca-Valdeorras presentadas. Trátase dunha iniciativa promovida polo Instituto de Desenvolvemento Económico de Ourense (Inorde) no marco do convenio do Xeodestino Trevinca-Valdeorras do pasado ano con Turismo de Galicia. O proxecto alíñanse coa aposta por unha oferta diferencial que Turismo de Galicia propón na súa Estratexia de Turismo 2030.
En total son 14 os emprendedores involucrados neste proxecto que se plasma nunha páxina web, así como na edición de diferentes folletos. A Estratexia inclúe varias medidas específicas centradas na ampliación da oferta para incluír propostas diferenciais, que aproveiten os recursos da zona para xerar novas iniciativas, sempre desde a sustentabilidade e o respecto pola poboación local.
Abría o acto o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen lembraba que “a finais do pasado ano realizábase unha convocatoria a emprendedores e hoxe preséntase o seu resultado, moitos xente moza e houbo unha gran resposta. O proxecto permitiu o asesoramento técnico e acompañante a esas 14 persoas emprendedoras da comarca co obxectivo de deseñar e de comercializar experiencias turísticas ecosostibles que promoven o modelo de desenvolvemento local ligado a unha entidade que é o territorio. Trátase de autónomos, pequenas empresas, representantes municipais”.
Este proxecto, engadía, proporciona ferramentas de formación, márketing e venda para que as persoas participantes poidan consolidar as súas ideas e contribuír a fortalecer a cadea de valor do sector turístico local. Ademais, poñía o foco na sustentabilidade dos servizos ofrecidos, promovendo boas prácticas que non xeran un gran impacto ambiental, e apostando por un modelo turístico responsable, innovador e enraizado no territorio. Finalmente, indicía na importancia da “cooperación interinstitucional” en iniciativas como esta.
A continuación interviña unha representante da Adega Roandi, Margarita Alejandre, quen agradecía que, en nome dos participantes do proxecto, “a posibilidade de ter participado neste tipo de experiencias e ogallá nos cheguen a funcionar e así poder promover Valdeorras”. Deseguido, Emma González, xerencia do Inorde, detallaba as características deste proxecto. “Valdeorras atesoura innumerables recursos naturais, patrimoniais e enogastronómicos, pero gran parte do seu valor reside nas súas xentes. Entón, que mellor que aproveitar que a veciñanza e emprendedores da comarca que queren compartir o que eles coñecen e ser os mellores guías deste territorio”.
Así mesmo, González referíase “ao labor de mentorización e formación”, incluído tamén no programa. “Isto foi un éxito por parte, tanto da iniciativa que foi aprobada pola comisión de seguemento (formada polo Inorde e os concellos) que entendeu que era unha actuación á que debíamos destinar orzamento, e cando se asinou o convenio con Turismo de Galicia, contratouse esa asistencia técnica”. Ademais agradecía a Belén Fernández, o seu liderato na parte de asesoramento e formación, e tamén o esforzo e traballo dos emprendedores. E adiantaba que se “consideramos que isto é interesante e ten demanda, pódese poñer en marcha unha futura edición para novas persoas que se queira adherir e próximas convocatorias. E, ademais de poder desfrutar do que é Valdeorras e os seus aloxamentos, as súas adegas, creo que esta oferta vén a concretar e a crear algo”.
Pola súa banda, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou esta mañá os recursos cos que conta o xeodestino Trevinca-Valdeorras para configurar unha oferta turística sostible e de calidade, con identidade propia e singular. Así o puxo de manifesto na presentación das Ecoexperiencias, unha nova proposta que aglutina 21 iniciativas sostibles na zona e que servirá de reclamo para turistas e público xeral. Xosé Merelles salientou o apoio da Xunta de Galicia á consolidación da oferta turística do xeodestino con máis de 2,8M€ investidos nos últimos anos en proxectos e iniciativas que ademais potencian o rural como activo do destino Galicia.
Ademais animaba a manter a colaboración entre as institucións que fai posible este tipo de proxectos, “e tamén á colaboración entre a iniciativa privada e a pública, Nós seguiremos apostando por colaborar co Inorde, o convenio vaise repetir. Penso que estes proxectos estean tutelados polo Inorde é unha garantía de que todos os investimentos que se fagan van ter un bo fin e van estar perfectamente orientados a iso, á promoción do turismo de galicia e de Valdeorras e, sobre todo, a que o turismo sirva como un elemento de dinamización económica que a todos nos fai moita falta”, concluía.
O acto, que remataba coa entrega aos emprendedores participantes, duns soportes en madeira cun código QR que permite acceder a informacións contaba boa maior parte dos alcaldes dos concellos que forman parte deste xeodestino. Tamén se presentaban neste acto varias publicacións turísticas, entre elas unha guía do xeodestino en papel titulada “Terras que saben”, que foi presentada en Fitur e cuxa tradución en galego se está a preparar neste ano, cunha nova distribución para o mercado interno. Ademais prevese a súa tradución ao inglés de cara ao mercado internacional.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
Máis información: