EconomíaEconomíaÚltima hora

Máis de 200 estudantes asisten no Barco e A Rúa ás xornadas de AEVA sobre os retos e oportunidades do comercio local

 

“Estamos nun momento único para emprender no comercio local con negocios consolidados que buscan quen lles dea continuidade”. Así de contundente se mostrou José María da Torre, consultor e experto en comercio de proximidade, nas xornadas de emprendemento para estudantes organizadas pola Asociación de Empresarios de Valdeorras esta semana na Rúa e O Barco.

Ás sesións, celebradas no Teatro Lauro Olmo do Barco e no Centro Cultural Avenida da Rúa, asistiron máis de douscentos alumnos e alumnas de todos os centros de secundaria da comarca en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e co apoio do Inorde a través do programa Valdeorras Sostible, que ten como obxectivo achegar aos mozos maiores de 14 anos os retos e oportunidades do comercio local, así como espertar o seu interese polo emprendemento e a sustentabilidade.

 

 

Sesións de contacontos nas librerías, asesoramento personalizado de estilo nas tendas de roupa ou tarifas planas para a renovación de electrodomésticos. Esas foron algunhas as ideas proporcionadas polo público xuvenil, que tamén puido coñecer de primeira man a experiencia de Carlos Terán, presidente de AEVA e comerciante de cuarta xeración con negocio na Rúa e O Barco. Terán explicou como foi o seu bisavó quen iniciou o negocio familiar a finais do século XIX como panadería e foi o impulso económico da chegada do ferrocarril o que animou ao seu pai para comezar a vender graneis e produtos para o campo. “O máis importante é estar atento aos cambios e ir respondendo as necesidades de consumo, mesmo adiantarse a elas”, asegurou.

O presidente de AEVA mostrouse moi satisfeito co desenvolvemento de ambas as sesións e agradeceu a participación dos centros educativos (IES Lauro Olmo, IES Martaguisela, Colexio Divina Pastora, Colexio Pablo VI-Fátima e IES Cosme López), e a colaboración dos Concellos da Rúa e O Barco de Valdeorras que cederon o uso dos espazos. Tamén destacou a “oportunidade de volver contar con José María da Torre, grazas ao convenio que o Club do Emprendemento ten co INCIBE dentro do marco do programa INCIBE Emprende financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, fondos Next Generation EU”.

 

 

Concurso de microrrelatos e taller de audiovisual

Estas sesións de emprendemento forman parte da segunda edición de Valdeorras Sostible, organizado co apoio do Inorde, que inclúe o concurso de microrrelatos “Sucedeu nun comercio”, que ten aberto o prazo de participación ata o 28 de outubro. Os tres mellores relatos repartiranse 600€ en vales agasallo.

O relato gañador será transformado nun anuncio comercial a través dun taller participativo de audiovisual para converter esa historia nun anuncio que será a base dunha nova campaña de promoción do comercio local. Celebrarase na Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán do Barco as tardes do 4, 5 e 6 de novembro de 17 a 19 horas. É gratuíto, dirixido a maiores de 14 anos e ten un aforo máximo de dez persoas. Tanto a inscrición ao taller como as bases do concurso están dispoñibles na web de AEVA.

Back to top button