OurenseÚltima hora

Máis de 200 persoas participan no Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia

295 nenos, nenas e adolescentes foron acollidos en Galicia entre xaneiro e agosto deste ano. Neste momento 239 menores están en acollida

Cedida.

Cenlle acollía esta mañá o Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia. Foi no Balneario de Laias, onde máis de 200 persoas entre persoas adultas, nenos/as e adolescentes compartiron unha xornada lúdico-formativa, na que puideron intercambiar experiencias e afondar en diferentes aspectos da educación e crianza dos menores.

No acto de benvida ás familias interviñeron Jacobo Rey Sastre, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Mercedes Casanova Díaz, presidenta de Cruz Vermella en Galicia; Rebeca Sotelo Fernández, alcaldesa de Cenlle; e Felipe Ferreiro Feijóo, presidente de Cruz Vermella en Ourense.

Conducida pola xornalista Eva Conde-Corbal, a sesión didáctica dedicou un primeiro tempo á atención temperá de nenos e nenas de 0 a 6 anos, da man de Rocío García Castro, Vicepresidenta da Asociación Galega de Atención Temperá. Nunha segunda parte a sesión centrouse noutra importante etapa de desenvolvemento, a adolescencia, coa participación de Ricardo Fandiño Pascual, coordinador da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia.

Acollemento familiar

O acollemento é unha medida de protección á infancia que ten como finalidade ofrecer un fogar a nenos e nenas que de forma temporal no poden vivir coa súa familia de orixe; un fogar onde os nenos e nenas reciban todo o coidado e seguridade que precisan mentres a súa familia biolóxica atravesa unha situación de dificultade.

Familias Acolledoras é un programa da Xunta de Galicia que xestiona Cruz Vermella, a través do que entre xaneiro e agosto deste ano foron acollidos 295 menores na nosa comunidade. Nestes momentos hai 239 menores que están sendo acollidos, mentres que 56 están á espera de acollemento.

A rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia está formada por 339 familias, pero sempre se precisan máis persoas dispostas a colaborar xa que, deste modo, haberá máis posibilidades para dar a resposta máis axustada a novos casos, tendo en conta as características e necesidades dos nenos/as.

O acollemento familiar é un proxecto vivo, no que non existe unha familia tipo e onde cada acollemento é tan único como os nenos e nenas do programa. O requisito imprescindible para ser familia acolledora é non ter finalidade adoptiva. Despois, o equipo técnico de Cruz Vermella acompaña ás familias desde o primeiro momento e durante todo o proceso de acollemento.

Back to top button